Skip to main content

Santiago acolle o Congreso de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou que a lei de creación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia será aprobada no Parlamento este mesmo mes. Concretamente, a súa tramitación parlamentaria culmina o día 16.

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, fixo este anuncio durante a inauguración do primeiro Congreso Internacional de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura. Neste encontro, organizado polas consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos e de Traballo, xunto coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores, están a participar técnicos e especialistas en prevención de riscos laborais e de enfermidades profesionais que afectan aos traballadores do sector da pesca e, especialmente, da pesca de baixura.

O responsable en materia laboral da Xunta avanzou ademais que a Consellería de Traballo destinará o ano que vén un presuposto de máis de 18 millóns de euros ao desenvolvemento de políticas de seguridade e saúde laboral. Este orzamento supón un incremento dun 17% respecto ao investido para este fin ao longo de 2007.

LEVES GRAVES MORTAIS TOTAIS
2002 1.749 76 8 1.833
2003 1.506 83 14 1.603
2004 1.930 111 22 2.063
2005 1.787 101 17 1.905
2006 1.661 64 9 1.734

Ricardo Varela explicou que a pesca é un dos sectores que “máis preocupa” ao departamento que dirixe, por canto rexistra unha alta sinistralidade. O conselleiro mencionou os accidentes graves e mortais que se produciron nos últimos anos (recollidos no cadro) para dar conta da situación. “É un sector cun altísimo índice de incidencia, de 4.969 accidentes por cada 100.000 traballadores”, exemplificou. “O índice de incidencia é difícilmente soportable e manifestamente mellorable”, dixo. Puntualizou, non obstante, que implica un reto “compartido” para as distintas administracións, traballadores e empresarios.

Varela manifestou o seu convencemento de que o sector necesita profundizar na cultura da prevención, máis control da seguridade e un incremento das medidas de sanción. Neste sentido, advertiu de que a Consellería rexerase polo principio de “permisividade cero” para aqueles que incumpran a normativa de seguridade e saúde laboral.

Ao seu xuízo, o cambio do modelo de produtividade polo que está a apostar o Goberno da Xunta será clave para conseguir revertir estas cifras. Argumentou que a produtividade en virtude do aforro no custe, e por conseguinte no aforro á hora de implantar medidas de seguridade, é “un aforro falso”, pois ao final sucede “exactamente o contrario”.

Para lograr o necesario cambio de mentalidade laboral e empresarial Varela defendeu “a implicación de todas as partes”, misión para a que gabou o papel do Diálogo Social que se está a desenvolver en Galicia dende novembro de 2005. De feito, destacou que o primeiro dos acordos deste proceso de concertación cos axentes económicos e sociais foi a lei de creación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

Por outra banda, lembrou ademais que o segundo dos acordos do Diálogo Social foi o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 206-2010, que inclúe medidas de carácter territorial e sectorial. Ricardo Varela expuxo que estas ferramentas, xunto con medidas específicas para o sector pesqueiro, permitirán reducir os accidentes neste sector. O conselleiro apuntou que neste proceso débese incidir na prevención dos sinistros durante as faenas que se realizan ao bordo da embarcación, incluído o risco de caída ao mar, así como na prevención dos afundimentos.

A segunda xornada do primeiro Congreso Internacional de Pesca de Baixura comeza cunha conferencia sobre a saúde laboral dos mariñeiros de baixura. O médico especialista en medicina de traballo e sanidade marítima do Instituto Social da Mariña (ISM), Alejandro Ros Rosilla, pronuncia este relatorio a partir das 10,00 horas. A continuación, a subdirectora xeral do ISM, Elena Martínez Caraqués, centra a súa intervención nas Enfermidades profesionais nas actividades de alto risco na pesca, coeficientes redutores. Visión da Administración. Ás 11,00 horas o xefe de servizo de Estudos Pesqueiros da Consellería de Pesca, Lino Lema Bouzas, ofrece a conferencia Apoios didácticos para a formación. Marisqueo. Para pechar este Congreso Internacional sobre a Pesca de Baixura desenvólvese a mesa redonda Experiencias en prevención nas flotas de baixura no Arco Atlántico.

Intervención da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos na inauguración do Congreso Internacional de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura:

Conselleiro de Traballo,

Directora xeral do Instituto Social da Mariña,


Directora Xeral de Relacións Laborais,

Representantes do sector pesqueiro de Portugal, Francia e Galicia,

En primeiro lugar, quero agradecer a vosa presenza en Santiago de Compostela para participar no Congreso Internacional de Prevención de Riscos e Seguridade na Pesca de baixura, un foro internacional do que me gustaría destacar dous aspectos. O feito de que as sesións de traballo se centren nun dos sectores da nosa flota máis necesitado de accións divulgativas e de formación en materia de prevención de riscos laborais. E que se trate, ademais, dun debate no que participan tanto as diferentes administracións implicadas, como os profesionais da pesca de baixura.

Este enfoque é un dos resultados do traballo que estamos desenvolvendo conxuntamente as consellerías de Traballo e de Pesca para establecer un novo marco de actuación no que se impliquen tanto as administracións, como os profesionais do mar. De feito, o pasado mes de xullo asinamos un protocolo para estreitar esa colaboración en materia de impulso das actividades de prevención de riscos laborais no sector pesqueiro, incidindo especialmente nas accións divulgativas e de formación.

O noso obxectivo é xuntar esforzos e optimizar os recursos humanos, e as infraestruturas das que dispoñen ambas consellerías. Ademais pretendemos avanzar na vía da necesaria colaboración posta en marcha o pasado ano co Plan Vixía, un plan específico de prevención de riscos laborais no sector pesqueiro; e o Programa Aboia, para a dotación de medios de salvamento e supervivencia aos profesionais do mar. Ata a data xa fornecemos uns 500 chalecos salvavidas, e a nosa intención é incidir na concienzación aos traballadores do mar sobre a necesidade de utilizalos.

No marco deste protocolo de colaboración, este mesmo mes poremos en marcha un programa de visitas informativas sobre o cumprimento dos requisitos de seguridade e de prevención de riscos laborais por parte das embarcacións da flota de baixura. Esta actuación desenvolverase ata novembro do próximo ano 2008 e está previsto visitar, polo menos, 1.000 embarcacións menores de 24 metros de eslora. Os pesqueiros serán seleccionados mediante mostraxe aleatoria entre os inscritos no rexistro de buques de Galicia, de forma proporcional aos diferentes segmentos de flota e á súa distribución xeográfica.

As visitas informativas permitirán dispor dun diagnóstico das embarcacións da flota artesanal; analizar a situación de cada unha delas en relación co cumprimento das normas de seguridade e de prevención de riscos; e realizar un informe de melloras ou modificacións a realizar en cada unha delas para cumprir a normativa. Quero aproveitar a ocasión que me brinda a inauguración deste Congreso para solicitar a colaboración do sector neste proxecto, que nos proporcionará unha información fundamental para programar futuras accións en materia de prevención e seguridade da flota artesanal.

Tamén en colaboración coa Consellería de Traballo, a partir da segunda quincena deste mes de outubro comezarán os talleres de prevención de trastornos músculo-esqueléticos no marisqueo a pé.

Esta actividade, que non parece demasiado perigosa, presenta numerosos riscos laborais sobre todo en forma de doenzas profesionais. As lesións de músculos e ósos, coñecidas como trastornos músculo-esqueleticos son a principal doenza laboral derivada da persistencia de posturas forzadas, a aplicación de forza excesiva e os tempos de descanso insuficientes.

De feito, tras as xestións realizadas pola Consellería de Pesca e grazas á receptividade do Instituto Social da Mariña, a quen agradezo o seu espírito de colaboración coa administración pesqueira galega, desde o pasado 1 de xaneiro as doenzas músculo-esqueléticas foron incluídas no cadro de enfermidades profesionais.

Os talleres están pensados para formar ás mariscadoras na prevención dos riscos existentes no seu traballo e nas actividades preventivas que poden realizar individualmente. Con este fin elaborouse unha unidade didáctica constituída por un DVD de presentación e unha táboa de exercicios de fortalecemento muscular con función preventiva e reparadora dos trastornos músculo-esqueléticos. Os talleres realizaranse nas agrupacións e asociacións de mariscadoras, impartidos por fisioterapeutas, que mostrarán como realizar correctamente os exercicios. Están programados ao redor de 80 cursos ata finais de 2008.

Estamos traballando na mellora dos hábitos de traballo, en implantar unha cultura da prevención e en velar polo cumprimento da normativa. Pero tamén nos estamos preocupando por que o traballo dos profesionais do mar se realice en condicións seguras. Por iso, unha das primeiras medidas que impulsamos desde a Consellería de Pesca foi a creación dun seguro de mal tempo, que cobre o risco de perdas económicas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, derivadas da inactividade como consecuencia das condicións meteorolóxicas adversas.

A Consellería de Pesca sufragará o 70 por cento da prima anual que deberá pagar o asegurado, destinando a este fin case 1,4 millóns de euros. Neste momento está aberto o prazo de solicitude de axudas, e desde esta tribuna quero animar aos profesionais do sector a subscribir esta poliza. E, por suposto, a participar na reunión informativa que convocamos o vindeiro mércores día 10 para explicar de forma máis exhaustiva o funcionamento do seguro.

Non quero rematar sen referirme á formación como instrumento básico na prevención de riscos, obxectivo prioritario da Consellería de Pesca que destina 870.000 euros aos programas de formación en seguridade marítima e cursos de prevención de riscos laborais. Durante este ano 2007 impartiranse máis de 70 cursos de formación en seguridade marítima que serán seguidos por 1.230 alumnos e profesionais do sector. Ademais, programáronse 16 cursos específicos de prevención de riscos laborais.

En definitiva, nestes dous últimos anos demos un importante impulso ás actividades de prevención de riscos laborais no sector pesqueiro, especialmente nas accións de divulgación e de formación. Pero non poderemos avanzar cara a unha cultura de prevención de riscos sen o compromiso conxunto das administracións implicadas e do propio sector. Confío en que as conclusións do Congreso que inauguramos nos permitan dar novos pasos nese camiño.

Moitas grazas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia