Skip to main content

A Xunta prevé 32.000 novos empregos en 2008

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou que os orzamentos de Galicia para o próximo ano recollen como obxectivo o compromiso de creación de 32.000 novos empregos en 2008. Así o explicou tras manter unha reunión cos dirixentes dos principais sindicatos galegos, cos que comentou as liñas principais duns orzamentos que consolidarán e afondarán nos obxectivos recollidos nos dous últimos presupostos. Á reunión asistiron o director xeral de Orzamentos, Pedro Antonio Fernández; e os secretarios xerais de UGT Galicia, José Antonio Gómez; CC OO, Xan María Castro; e da CIG, Xesús Seixo.

Tras a finalización da reunión, o conselleiro salientou que os obxectivos orzamentarios dos dous últimos anos se verán consolidados e reforzados cara ao próximo ano xa que están a amosar bos resultados tanto no ámbito económico como no social. Xunto co forte ritmo de crecemento –un 4,3% no segundo trimestre-, con taxas por riba da media española e moi por riba da europea, o conselleiro salientou o cumprimento dos obxectivos de creación de emprego que, segundo explicou, están a rebasar as previsións contidas nos orzamentos deste ano. De feito, engadiu, son máis de 80.000 os empregos creados nos dous últimos anos e estanse a mellorar as taxas de temporalidade. “Galicia continúa cun crecemento sólido, creando emprego, e cumprindo os compromisos dos orzamentos de 2007”, indicou.

Grandes obxectivos

No seu repaso aos grandes obxectivos dos orzamentos de 2008, Fernández Antonio sinalou en primeiro lugar a aposta pola Sanidade, en especial vinculada á atención primaria; e pola Educación. Neste ámbito, salientou aspectos como a ensinanza de idiomas, tanto polo incremento dos mestres das ensinanzas regradas, como no incremento das bolsas para estudos de idiomas no estranxeiro que ascenderán a 2.500 o próximo ano. Tamén sinalou a extensión dos comedores escolares e do horario escolar para actividades educativas que tamén facilitarán a conciliación da vida familiar e laboral.

A aposta clara pola atención aos maiores e pola aplicación da Lei de Dependencia é outro dos piares dos orzamentos, que incluirán ao colectivo dos grandes dependentes pero tamén e de forma progresiva nos seguintes grupos previstos na norma. A política de apoio á vivenda protexida, -tanto en promoción, como en aluguer e mediante a rehabilitación- e a política de apoio ao transporte público como un elemento vinculado tamén ás políticas sociais, son outros dos aspectos subliñados polo conselleiro.

Por outra banda, Fernández Antonio sinalou como segundo gran obxectivo dos orzamentos o impulso ao crecemento económico e o emprego, ámbito no que terá gran protagonismo o apoio á sociedade do coñecemento, co apoio aos programas de investigación, de desenvolvemento tecnolóxico e innovación; e, en segundo lugar, ao desenvolvemento e ampliación da sociedade da información e das tecnoloxías de información e comunicación.

Tamén dentro da estratexia de incrementar a competitividade da economía galega, o crececemento e o emprego, Fernández Antonio incluíu o apoio á mellora das infraestruturas produtivas como ás de comunicación e transportes, e as vinculadas ao medio ambiente. O saneamento das rías son unha gran prioridade dos orzamentos do próximo ano que continúan e afondan actuacións xa iniciadas este ano. Ademais, o apoio á creación de novas actividades económicas ao través dos nosos instrumentos de apoio á creación de empresas reforzarase neste ano insistindo cada vez máis nas axudas de carácter reembolsable, que permitan utilizar os recursos en impulsar novas empresas e o espíritu emprendedor e a internacionalización da nosa economía.

Contrato de Navantia

O conselleiro de Economía e Facenda aludiu tamén á importante noticia da sinatura con Australia do maior contrato de exportación de Navantia polo que a compañía naval do Grupo Sepi construirá dous buques anfibios, de deseño similar ao Buque de Proxección Estratéxica que a firma constrúe para a Armada española. Fernández Antonio definiu a nova como un fito fundamental que ten unha enorme e positiva incidencia en Galicia e en concreto en Ferrol. Segundo explicou, a maior parte deste contrato, a maior carga de traballo vaise realizar nas instalacións de Navantia en Ferrol-Fene o que asegura unha plena ocupación do estaleiro ata o ano 2013. En concreto, se estima que un 80% do programa realizarase en España o que supón para Navantia 9.347.700 horas de traballo das que 9.300.000 serán para o estaleiro galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia