Skip to main content

Convocados os premios Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica

A Consellería de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, vén de convocar no Diario Oficial de Galicia (do 10 de outubro de 2007) os Premios Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica, correspondentes aos Premios Galicia de Investigación 2007. O obxectivo destes galardóns, que este ano cumpren o seu décimo aniversario, é recompensar e favorecer o recoñecemento social do traballo de investigadores prestixiosos realizado desde Galiza, por galegos e en pro de Galiza e estimular o labor dos investigadores mozos.

Os Premios Galicia de Investigación foron creados en 1998 e hoxe en día constitúen o principal recoñecemento institucional ao traballo realizado polos investigadores na nosa Comunidade. Cada ano e de xeito rotativo dedícanse a unha das seguintes grandes áreas da investigación: a social, a científico-técnica, a humanística e a sanitaria. Felipe Casanueva, Luis Castedo, Ángel Carracedo e Xosé Manuel Sabucedo son algúns dos galardoados nestes dez anos de edición.

ÁREA CIENTÍFICO-TÉCNICA

Este ano correspóndelle o protagonismo á área científico-técnica, convocándose os Premios Antonio Casares y Rodrigo de Investigación Científico-Técnica. O galardón está composto por dúas categorías: a de investigador sénior, de recoñecemento a toda unha carreira investigadora, e a de investigador mozo, para mozos que comezan a destacar no seu labor investigador. A Consellería de Innovación e Industria aumentou este ano a dotación económica dos premios, elevándoa na categoría sénior de 37 a 38.000 euros e, na categoría de investigadores mozos, de 6.100 a 7.000 euros.

Os Premios Antonio Casares y Rodrigo de Investigación na categoría sénior están dotados con 38.000 euros, así como un diploma acreditativo e un medallón esculpido en bronce coa efixie e o nome de Antonio Casares y Rodrigo. Poderán optar a este galardón aquelas persoas que veñan realizando investigación, polo menos, desde hai vinte anos na área científico-técnica. Os candidatos serán propostos por algunha institución académico-científica, pública ou privada con personalidade xurídica propia, ou, no caso de que concorran por iniciativa propia, estarán avalados polo menos por dez investigadores da área.

Pola súa banda, os Premios Antonio Casares y Rodrigo de Investigación na categoría de investigadores mozos están dotados con 7.000 euros. Poderán optar a este galardón os investigadores e investigadoras que veñan realizando investigación na área científico-técnica, sempre que non transcorresen máis de seis anos desde a presentación da súa tese de doutoramento.

Nas dúas categorías os investigadores deberán cumprir algún dos seguintes requisitos: estar adscritos a centros públicos ou privados de investigación situados en Galiza; ser investigadores galegos non vinculados a centros situados en Galiza ou investigadores que, non cumprindo os anteriores requisitos, abordasen temas directamente relacionados con Galiza.

Os premios utilizan como referente a un investigador de recoñecido prestixio histórico en cada unha das áreas. Esta edición adícase á investigación científico-técnica e supón unha homenaxe á figura de Antonio Casares y Rodrigo (1812-1888). Nacido en Monforte de Lemos, estudiou Mediciña e Farmacia en Santiago e foi rector da Universidade compostelá dende 1870. A súa fama no campo da Química trascendeu moi pronto o ámbito nacional sobresaíndo, entre os seus múltiples traballos e publicacións, as análises e estudos que realizou sobre as augas minerais de Galiza e do Estado español.

INFORMACIÓN E SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG. De conformidade coa lexislación vixente, o cómputo deste prazo farase de data a data. As solicitudes presentaranse na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, da Xunta de Galicia, na rúa Feáns, 7, local C, C.P. 15706 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Completa información en: http://www.conselleriaiei.org/dxidi/
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia