Skip to main content

Impúlsase a posta en marcha do Consorcio para a Planificación Lingüística

A Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña asinarán antes de final de ano un convenio para a posta en marcha do Consorcio para a Planificación Lingüística, proxecto para o que a institución provincial achegará 60.000 euros, coa finalidade de coordinar as accións que no ámbito da normalización lingüística se realicen nos distintos entes consorciados.

Así o manifestou o presidente do organismo provincial coruñés, Salvador Fernández Moreda, ao remate da xuntanza de traballo que mantivo no seu despacho coa secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López Rodríguez, con quen analizou o Plan Xeral de normalización da lingua galega (PNL), aprobado polo Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004, e que se traza como obxectivo principal consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados.

Fernández Moreda e Marísol López afirmaron que o esta nova entidade, que terá personalidade xurídica propia, dará un importante impulso institucional ao uso, coñecemento e divulgación da lingua galega, de xeito que chegue ao maior número de cidadáns posible. Entre outras funcións, o Consorcio levará a cabo a formación non regrada en lingua galega, deseñará e executará accións de planificación e dinamización lingüística, prestará asesoramento técnico a todo tipo de colectivos e sectores sociais sobre a normativa vixente e a correcta utilización da lingua galega e realizará actividades complementarias destinadas á promoción do uso correcto do idioma.

Salvador Fernández Moreda destacou ademáis que a institución que preside está a realizar xa importantes esforzos neste sentido como demostra o feito de que no vindeiro ano a Deputación destinará máis de medio millón de euros para a dotación e mantemento de servizos de normalización lingüística en preto de 50 concellos da provincia.

Así, aos 24 concellos da provincia que xa tiñan convenio en vigor coa Deputación para o financiamento deste servizo e que serán renovados en breve, (As Pontes, Abegondo, Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Carballo, Carnota, Culleredo, Dumbría, Fene, Ferrol, Melide, Miño, Muros, Muxía, Ponteceso, Pontedeume, Ribeira, Santiago, Teo, Val do Dubra, Vedra e Vimianzo), acaban de sumarse hai escasas datas outros 22 concellos que participarán na iniciativa: Vilasantar, Santiso, Boimorto, Frades, San Sadurniño, Dumbría, Boqueixón, Tordoia, Cariño, Vedra, Cabana de bergantiños, Mazaricos, Cerceda, Oroso, Arzúa, Ponteceso, Ortigueira, Cee, Outes, Laracha, Ordes e Oleiros.

Fernández Moreda subliñou a importancia de que “máis da metade dos concellos da provincia conten con axudas da institución provincial para os seus servizos de normalización lingüística” e mostrouse convencido de que o Consorcio para a Planificación Lingüística será “unha ferramenta útil” para a promoción do uso do galego nas administracións locais.


Gabinete de Prensa da Deputación Provincial da Coruña