Skip to main content

Presentados os orzamentos de 2008 aos empresarios galegos

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, explicou que os orzamentos galegos para o próximo ano prevén a continuación do sólido crecemento da economía galega por riba da media española e europea, o que permite establecer o obxectivo de que o PIB galego medre dúas décimas por riba da media estatal durante o próximo ano. Así o explicou o conselleiro na reunión cos membros da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) aos que avanzou que as previsións establecidas nos orzamentos son coherentes co dinamismo económico da comunidade, que está a liderar o crecemento no conxunto de España grazas á fortaleza do sector industrial e das exportacións, piares do equilibrado modelo de crecemento. A delegación da CEG estivo encabezada polo seu presidente, Antonio Fontenla Ramil.

O conselleiro explicou, tras finalizar a xuntanza, que se están sobrecumprindo os obxectivos fixados neste ano en termos de crecemento e emprego e anunciou que fronte á previsión do 3,4% inicial, e tras rexistrar un crecemento do 4,3% no segundo trimestre do ano, o PIB galego medrará un 4% no conxunto do ano; e pecharase o exercicio con 37.000 novos empregos, dous mil máis dos recollidos nos orzamentos deste ano. Ademais, lembrou que Galicia triplica a taxa de crecemento das exportacións españolas (36,7% fronte ao 12,71% ata xullo) e que o Índice de Produción Industrial do pasado agosto rexistrou unha subida do 9% en Galicia fronte ao 0,6% da media española. Todo isto da unhas perspectivas de sólido crecemento para 2008, aínda que cunha moderación respecto de 2007.

Obxectivos 2008

Tras lembrar que os orzamentos de Galicia para 2008 –os terceiros deste Goberno- “reforzarán e consolidarán as políticas económicas e presupostarias” iniciadas nos anteriores presupostos, Fernández Antonio apuntou como principais obxectivos o impulso da actividade económica e o reforzo das políticas sociais e da calidade dos servizos públicos. Así, no ámbito de impulso da competitividade da nosa economía, o conselleiro incluíu a mellora do capital humano –cunha aposta pola educación e a formación profesional-; e do capital tecnolóxico, impulsando a sociedade do coñecemento; os programas de extensión da sociedade da información en Galicia; e a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. Tamén no ámbito da mellora competitiva, Fernández Antonio aludiu ao impulso das infraestruturas.

Xa no ámbito das políticas sociais, o conselleiro salientou como prioritarias nos orzamentos 2008 as vinculadas á calidade da Sanidade –en especial da atención primaria-; a extensión das axudas das políticas de promoción de vivenda –tanto pública como de prezo taxado-; e as relativas á aplicación en Galicia da Lei de Dependencia para poñer en marcha as medidas destinadas aos maiores e dependentes. Ademais, o fomento do transporte público será tamén unha das grandes prioridades, a fin de mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Por último, no ámbito das políticas de sostenibilidade do noso crecemento, o conselleiro citou as relativas ao medio ambiente e, en especial, as medidas de saneamento das rías; e, en segundo lugar, as actuacións programadas dentro do Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia 2007-2010, co fin de evitar “unha Galicia de dúas velocidades”.

Plan de Competitividade e Emprego

O conselleiro de Economía e Facenda tamén explicou que no curso da reunión se abordou a elaboración, este ano, do Plan de Competitividade e Emprego. Enmarcado dentro dos acordos do diálogo social, o plan, segundo explicou, recollerá en primeiro lugar os aspectos vinculados ás melloras das infraestruturas produtivas; e, en segundo lugar, os relacionados coa mellora da nosa competitividade. Neste sentido, Fernández Antonio explicou que Galicia ten unha economía cada vez máis internacionalizada, como amosa o feito de ter un peso do 9,4% no total das exportacións españolas, fronte a un peso na economía do 5,1%. “Temos unha economía que básicamente ten que crecer sobre a base da súa expansión internacional e para iso a competitividade das das nosas empresas e produtos é un elemento básico”. Por iso, engadiu, o Plan recollerá os elementos vinculados á innovación e á internacionalización da economía que son os que teñen que potenciar ese crececemento de Galicia e que ademais, concluíu, terá que basearse en sectores cunha forte compoñente de deseño, de calidade e de tecnoloxía.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia