Skip to main content

Industria impulsa un plano de mellora do tecido da automoción en Galicia

A Consellaría de Innovación e Industria e o Clúster da Automoción de Galicia desenvolverán diversas actividades de fomento da innovación, o coñecemento e a competitividade este mesmo ano co fin de potenciar o conglomerado da automoción do noso país. En virtude dun convenio asinado polo titular de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o presidente do Clúster da Automoción, Antonio Vega, executarase un plano de mellora da competitividade do tecido da automoción e estudaranse especificamente as necesidades de chan e equipamento industrial do sector.

Ambos os proxectos terán un investimento de 131.552 euros, dos cales a Consellaría de Innovación achegará o 50%. No tocante ao plano de mellora da competitividade do sector, desenvolverase unha ferramenta de diagnose baseada no benchmarking para analizar o nivel competitivo, polo menos, en oito PEMES da automoción galega, e para pór en marcha proxectos de mellora baseados no Lean Manufacturing.

Pola súa banda, a elaboración dun estudo de necesidades de chan e equipamento industrial contribuirá á instalación de novas empresas do sector en Galiza, no canto de optaren polo norte Portugal, e a achegar aos axentes xestores do solo e institucións as necesidades reais do sector. Neste documento incluirase o estudo de chan, equipamentos, niveis de seguridade, competitividade do chan, accesos e redes viarias tanto nos polígonos actuais coma nos novos cun horizonte ata o 2.011.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia