Skip to main content

Inaugurado o primeiro tramo gratuito da autovía AG-53

Emilio Pérez Touriño, titular do Goberno galego, inaugurou no Carballiño, xunto á conselleira de Política Territorial, María José Caride, o treito Dozón-Enlace de Cea da autovía AG-53, que unirá Santiago con Ourense. Este tramo de 18 kms, no que se investiron 67 millóns de euros, estará libre de peaxe, tal e como subliñou o máximo mandatario autonómico, grazas á “vontade real” dun Goberno que se preocupa “polos problemas e as necesidades dos cidadáns”. A posta en marcha deste novo treito permite, segundo subliñou, “cumprir coa palabra dada” e “levantar unha hipoteca, unha discriminación e unha barreira” que pesaba sobre o interior de Galicia.

O presidente da Xunta destacou, ademais, no acto de inauguración, que este tramo vai incidir favorablemente na xeración “dun novo polo de oportunidades para unha zona historicamente lastrada nas súas perspectivas de desenvolvemento”. Pérez Touriño aproveitou a súa intervención para realizar un balance da acción do seu Goberno en materia de infraestruturas. Tal e como indicou, na actualidade Galicia conta con máis de 550 kms de vías de alta capacidade en execución, o que supón un investimento global de 2.300 millóns de euros.

Entre estas infraestruturas, o máximo mandatario autonómico referiuse ás obras que se están a acometer na autovía do Barbanza, na autovía do Salnés, á nova vía que vertebrará a Costa da Morte, ao enlace Santiago-Brión-Noia, a autoestrada Pontevedra-Vilagarcía ou á vía Sarria-Lugo-Monforte, como exemplos máis sobranceiros da acción do Goberno galego nesta materia. Precisamente, segundo o presidente da Xunta, a autovía AG-53 que vai completar a conexión entre Ourense e Santiago representa unha actuación clave no mapa das infraestruturas que se están a desenvolver en Galicia non só porque conecta dúas das nosas máis importantes cidades senón porque constitúe o mellor exemplo de como unha infraestrutura pode contribuír á vertebración do país, ao reequilibrio territorial.

Tramo libre de peaxe

O máximo mandatario autonómico englobou todas as infraestruturas que se van deseñar en Galicia nun esforzo de planificación enmarcado no Plan de Infraestruturas de Transporte de Galicia, documento que se presentará antes de que remate o ano.

Neste sentido, o presidente da Xunta destacou a vontade do Goberno que preside de achegar aos cidadáns infraestruturas “socializadoras”, ás que se destine o esforzo orzamentario de todos os galegos. Trátase, en verbas do presidente da Xunta, de canalizar un “esforzo solidario para avanzar conxuntamente como país e de financiar obras socializando custos e servizos”. Neste sentido, o titular do Goberno galego avanzou que esta estratexia se verá acentuada nos Orzamentos da comunidade autónoma para 2008 que serán aprobados polo Consello da Xunta o vindeiro xoves.

Beneficios para o interior de Galicia

No decurso da súa intervención, o xefe do Goberno galego destacou que “Ourense dá un paso de xigante e tamén o resto de Galicia de cara á consecución dunha rede de transporte que configure un mapa policéntrico”. Paralelamente, significou que a Cidade das Burgas está chama da a desempeñar un papel clave no futuro nó de infraestruturas de Galicia xa que será a porta de entrada do AVE na comunidade autónoma o que constitúe un “magnífico espazo de oportunidade”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia