Skip to main content

Destínanse 3,2 millóns á investigación competitiva

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Innovación e Industria vén de convocar no Diario Oficial de Galicia a orde de axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema galego de I+D+i. A convocatoria supón un investimento de 3.200.000 euros.

Con esta orde, a Consellaría de Innovación e Industria pretende contribuír á consolidación e á especialización competitiva das unidades de investigación, buscando corrixir a fragmentación e a dispersión de capacidades que merma a potencialidade científica e tecnolóxica do sistema. O obxectivo é artellar novos instrumentos que potencien a organización dos recursos para dar un salto significativo na calidade e no impacto dos resultados da investigación científica.

O programa materializa o espírito do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 ao contribuír á unión de esforzos en prol da excelencia da investigación en Galiza. Deste xeito, contémplase a conveniencia de conceder axudas a grupos de investigación, baixo a fórmula de contratos programas, como un instrumento de cohesión, creando unidades interdisciplinares con liñas complementarias.

Os beneficiarios da convocatoria publicada hoxe divídense en tres grupos. Na primeira modalidade están os grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía. En segundo lugar, poden solicitar as axudas os grupos de investigación pertencentes ao sistema sanitario público galego. As axudas constan dun módulo fixo anual de 12.000 euros e un módulo variable, acumulable ao anterior, cuxa cuantía está en función dos resultados de investigación e que se calcula establecendo unha equivalencia económica para cada resultado da actividade investigadora. No caso dos grupos de investigación pertencente ao SUG, a contía máxima da axuda será de 40.000 euros.

Finalmente, o terceiro grupo de beneficiarios está formado polos centros de Innovación e Tecnoloxía. Neste caso, as axudas serán de aplicación por unha anualidade, establecéndose a contía en función das equivalencias económicas dos resultados de investigación.

Gastos de persoal, de formación e de material

As axudas están destinadas a subvencionar os custos de persoal investigador ou de apoio; material funxible e pequeno equipamento así como o seu mantemento; material bibliográfico; custos de formación do persoal do grupo/centro de investigación; custos en actividades de mobilidade e difusión científica e actividades específicas de divulgación do coñecemento.

No proceso de valoración terase en conta, entre outros parámetros dependendo da modalidade, a composición do grupo de investigación, o número de doutores cos que conta e os que se incorporen no período correspondente, a produtividade científica, a realización de proxectos de investigación de convocatorias competitivas, as actividades de transferencia como contratos con empresas e administracións públicas, as publicacións en revistas científicas e o compromiso de establecer un proceso de formación para os membros do grupo.

As solicitudes presentaranse nos rexistros da Consellaría de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. De conformidade coa lexislación vixente, o cómputo deste prazo farase de data a data.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia