Skip to main content

Profesionais do sector cultural procuran incrementar a calidade da oferta galega

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, reúnese con máis dun cento de persoas especializadas en xestión cultural para deseñar un plan integral de formación dos profesionais do sector. A Consellaría pretende consensuar coas propias persoas interesadas un proxecto que cubra as necesidades de formación e permita incrementar a calidade da oferta cultural no noso país. O obxectivo é darlle solución á carencia dunha oferta formativa estruturada e adaptada ás necesidades de Galiza. Con este plan preténdese garantir a actualización e formación continua das capacidades do persoal técnico en xestión cultural.

O Foro Profesional da Acción Cultural que ten lugar o sábado 20 de outubro no Auditorio de Galicia é o último chanzo nun traballo de investigación e diálogo para mellorar as capacidades dos técnicos e das técnicas culturais de Galiza. As persoas asistentes ao Foro traballarán sobre os datos do informe As necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia, encargado pola Consellaría de Cultura. Trátase dun completo estudo realizado por investigadores das tres universidades que ofrece unha análise polo miúdo da realidade das persoas que traballan na xestión cultural e de cales son as súas necesidades para poder mellorar os servizos culturais.

Á xuntanza está previsto que asistan máis dun cento de profesionais provintes tanto de concellos e das administracións públicas como de entidades e fundacións privadas. Será un foro no que está representado todo o sector da xestión cultural do noso país. Ademais da conselleira, intervirá o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará e os membros do equipo investigador. De seguido, terá lugar o debate sobre o informe e sobre as propostas de formación que se porán en marcha para o ano 2008.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia