Skip to main content

A conselleira de Pesca asiste á recepción de benvida para a delegación española que participa no X Foro España-Xapón

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, asistiu, na cidade xaponesa de Nagasaki, á recepción de benvida para a delegación española que participa no X Foro España-Xapón os días 20 e 21 de outubro. O acto, que se celebrou no Luke Plaza Hotel, estivo presidido polo embaixador de España no país asiático, Miguel Ángel Carriedo, quen quiso aproveitar a ocasión para dar a benvida a todos os asistentes ao Foro, á vez que tivo palabres de agradecemento para os organizadores polo traballo realizado.

Carmen Gallego encabeza a delegación galega desprazada a Xapón, onde tamén se atopan representantes das consellerías de Economía e Innovación e Industria xunto con directivos de empresas galegas. Así, desta comitiva forman parte o secretario xeral de Innovación e Industria, Emilio Nogueira; o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Xoan Ramón Doldán; o director do Centro de Promoción de Negocios do Igape en Xapón, Pedro Gallego; e a subdirectora dese mesmo centro, Natsue Arai. Así mesmo, asisten ao X Foro o vicepresidente executivo do Grupo Isidro de la Cal, José Bretón; a administradora e adxunta de dirección de Norvento, Marta Fernández; e o director de marketing e comunicación de Blusesns, Miguel Churruca.

A recepción tamén contou coa presencia de outras autoridades como o conselleiro xefe da rede de Oficinas Económicas e Comerciais de España no Exterior (Ofecomes) en Tokyo, Alfonso Carbajo; o subdirector xeral de Asia Continental do Ministerio de Asuntos Exteriores e secretario xeral do X Foro España-Xapón, Carlos Morales; ou o director xeral de Política Exterior para Asia e Pacífico do Ministerio de Asuntos Exteriores, José Eugenio Salarich.

O Foro está organizado pola Fundación Consejo España-Japón e nel a Conselleira de Pesca impartirá unha ponencia sobre a experiencia galega no ámbito da repoboación de especies no litoral, así como na creación de reservas mariñas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia