Skip to main content

Destacada a coordinación entre a Xunta e o Estado na loita contra o lume en verán

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, declarou que o Comité Integrado de Prevención de Incendios Forestais de Galicia (CIPIG) é un dispositivo sen precedentes na historia da loita contra os incendios forestais en Galicia. Méndez Romeu quixo facer fincapé na participación entre o Goberno galego e o español neste dispositivo, a través do Ministerio do Interior. “Isto tennos permitido gozar do máximo nivel de efectivos, ter un nivel de coordinación excelente e que teña funcionado sen ningunha incidencia”, tal e como dixo o conselleiro. Méndez Romeu anunciou tamén que hoxe se acordou levar a cabo un mecanismo semellante na campaña de incendios do 2008.

O conselleiro fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á reunión do CIPIG, nas que tamén participou o subsecretario de Estado, Justo Zambrana Pineda e o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, así como outros representantes das Consellerías de Presidencia e Medio Rural e dos Ministerios de Interior, Defensa e Medio Ambiente. Esta foi a última reunión do CIPIG pola que se pecha o período de reunións deste verán.

Pola súa banda, Justo Zambrana declarou que o resultado do sistema de prevención de incendios levado a cabo este verán en Galicia foi “exitoso”. Ademais, o subsecretario destacou que houbo unha gran coordinación este ano na loita contra o lume entre as distintas administracións públicas e dixo que aínda que a meteoroloxía deste verán non foi a máis adversa, tampouco foi totalmente favorable. Zambrana subliñou que as administracións “madrugaron” e puxeron en funcionamento un enorme mecanismo de prevención en toda España que tivo un resultado satisfactorio. Deste xeito, o subsecretario lembrou que o CIPIG se constituíu a principios do verán, que houbo reunións periódicas e que garantiu unha coordinación entre a Administración do Estado e a Administracións da Xunta.

Polo tanto, a clave desta situación estivo, segundo Zambrana, en que “houbo un labor de coordinación, medios materiais dispostos, unha maior sensibilidade cidadá e unha labor activa dos corpos e forzas de seguridade do Estado”.

O subsecretario tamén avanzou que o CIPIG no que participou o Goberno español e a Xunta se reeditará o vindeiro ano. Zambrana aclarou que pode haber algunha modificación nos protocolos de actuación e de funcionamento na procura de introducir melloras, pero que se analizará cando chegue o próximo verán. O subsecretario explicou que esta actuación é específica para Galicia, é moi positiva e que agarda que se leve a cabo noutras Comunidades Autónomas.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural cualificou o resultado desta campaña de loita contra os incendios como "razoablemente satisfactorio" e incidiu en que "todos os indicadores apuntan a que a planificación se fixo en tempo en forma, no terreo da prevención, da limpeza, da persuasión e da sensibilización cidadá".

"Non só o clima influíu nos resultados, senón que unha maior presenza de todos os activos que loitan contra o lume e contra os delincuentes derivou nunha baixada considerable do número de rexistros", explicou o conselleiro de Medio Rural. Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia quixo subliñar o dato de que este verán non houbo ningunha incidencia de nivel 1 ou 2.

O conselleiro de Medio Rural lembrou que fronte á media de 10.417 incendios anuais que se produciron no período 1997-2005, este ano ata o 30 de setembro contabilizáronse só 1.689, o que supón un descenso do 83%. Esta situación tamén derivou nunha baixada significativa da superficie queimada, que pasou de situarse nas 30.034 hectáreas de media ás 2.859 que se contabilizaron nos nove primeiros meses deste ano. Neste caso, a superficie descendeu máis dun 90%. Suárez Canal amosou o seu desexo de que a medio prazo desapareza a intencionalidade que hai detrás dos incendios e só se rexistren aqueles que se producen por causas estritamente naturais.

Datos estatais na loita contra o lume

Segundo Justo Zambrana, a nivel estatal reducíronse máis dun 50% os incendios – foron 5.555 o ano pasado e 2.291 este ano-. Neste sentido, o subsecretario tamén dixo que a media dos últimos dez anos é de 7.049 incendios ao ano e iso supón que este ano rexistráronse menos da terceira parte.

Nos últimos dez anos, en España arderon unha media de 126.191 hectáreas ao ano e este ano houbo 68.614, aproximadamente a metade do que se queimaba en anos anteriores –segundo Justo Zambrana-.

Ademais, tal e como explicou o subsecretario, só 13 incendios superaron as 500 hectáreas, fronte a 59 lumes que sobrepasaron esta cifra no 2006. Zambrana tamén subliñou que este ano só temos que lamentar unha perda humana.

Dunha banda, en España houbo 283 medios aéreos dispostos para intervir no verán, dos cales 70 eran do Estado –38 destes eran avións- e 213 das diferentes Comunidades Autónomas – as que aportaron 51 avións-, segundo dixo Zambrana. En canto a medios terrestres- maioritariamente motobombas e outros medios mecánicos para apagar lumes- contouse con 2.020, dos que 224 foron do Estado e 1.796 das Autonomías, tal e como explicou o subsecretario.

Doutra banda, Zambrana dixo que estiveron traballando contra o lume unhas 35.547 persoas, das que 5.877 eran achegadas polo Estado e 29.665.

Riadas do 2006

En relación ao pago das axudas, polas riadas do outono do 2006, o conselleiro de Presidencia dixo que todas as axudas dirixidas a concellos e que foron correctamente xustificadas están abonadas dende hai tempo pola Consellería de Presidencia. Méndez Romeu engadiu que queda algún caso que non xustificou as cantidades que inicialmente se solicitaron.

Segundo o conselleiro, hai expedientes en tramitación na Consellería de Vivenda por danos nas casas “e cada un ten a súa complexidade”. “Algunhas familias foron aloxadas transitoriamente en vivendas de aluguer, custos asumidos pola consellería correspondente, e agora estanse abonando, previa presentación das facturas, esas axudas”, tal e como explicou Méndez Romeu.

O conselleiro manifestou que todas as persoas que tiveron danos na súa vivenda habitual están recibindo indemnizacións nos termos previstos polo decreto aprobado con este fin pola Xunta. Ademais, o conselleiro dixo que cre que a consellería conseguirá pagar todas as indemnizacións a aquelas reclamacións xustificadas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia