Skip to main content

Homenaxe ao sindicalista de CC.OO. Manuel Amor Deus

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou a traxectoria vital de Manuel Amor Deus, a quen cualificou como “un magnífico símbolo” de todos os que loitaron por lograr a democracia e o réxime de liberdades dos que hoxe desfrutamos. Durante o acto de homenaxe á memoria do que foi o primeiro secretario xeral de CC.OO. e cofundador das CC.OO. en Galicia, Emilio Pérez Touriño fixo un repaso pola traxectoria vital, política e sindical de Manuel Amor Deus, indicando que foi un home xurdido da clase obreira ferrolá “rebordante de dignidade, orgullo e profesionalidade”. “Era un home bo e entrañable, afectuoso, alegre e intelixente, cun extraordinario sentido da xustiza”, aseverou o mandatario galego, lembrando que Manuel Amor era un amante da liberdade, que loitou por ela e que “tivo que pagar un duro prezo por esa loita cando foi encarcerado por causa das súas actividades políticas e sindicais”.

Na mesma liña, Pérez Touriño remarcou que Amor Deus foi un símbolo de toda esa xeración “xenerosa, valente e comprometida” que soubo resumir no berro reivindicativo “Liberdade, amnistía, Estatuto de Autonomía”, todo un programa político, “unha auténtica folla de ruta para saírmos do marasmo do franquismo”, asegurou o presidente galego.

Actividade sindical

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén fixo un repaso pola actividade sindical de Manuel Amor Deus, indicando que era “un sindicalista de primeira fila”, salientando o seu labor á fronte de Comisións Obreiras de Galicia e incidindo en que foi “unha peza clave” para que o sindicato adecuase as súas estruturas e formas de actuación aos novos tempos democráticos e para que fixese a súa propia transición, “convertendo a exemplar organización resistencial antifranquista nun sindicato novo, sólido e capaz de canalizar construtiva e democraticamente as demandas do mundo do traballo”.

Por último, o presidente galego referiuse á próxima aprobación no Congreso dos Deputados da lei que outorgará o recoñecemento ás vítimas e represaliados do franquismo, indicando que cada voto afirmativo significará “unha homenaxe e unha lembranza a Manuel Amor Deus, a Rafael Bárez, a Xulio Aneiros, a Xosé María Riobóo, a Paco Filgueiras e a tantos e tantos homes e mulleres que xa non están entre nós e que militaron desde a esquerda na causa da democracia e dos dereitos dos traballadores”.

Neste sentido, avogou por manter viva entre as novas xeracións a “memoria do antifranquismo” e congratulouse da próxima aprobación dunha lei que, salientou, “non pretende reabrir fendas nin dividir á sociedade, senón tan só facer xustiza”. “Non se trata nin de revivir agravios nin de encirrarnos en disputas que xa non teñen sentido. Nin queremos resucitar o pasado, nin cambialo, nin moito menos, repetilo. Pero si queremos que as novas xeracións saiban que a democracia e o réxime de liberdades que hoxe disfrutamos non foi un agasallo nin é o estado natural das cousas. Que saiban que se hoxe vivimos en paz e en democracia é grazas ao esforzo, ao sacrificio e ás convicións de persoas como Manuel Amor Deus”, concluíu o mandatario autonómico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia