Skip to main content

Santiago acolle o V Encontro Nacional de Mercados Municipais Minoristas

Galicia está medrando a un ritmo aproximado do 4,2% e hai taxas de desemprego inferiores ao 6,7% segundo dixo o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu. O conselleiro afirmou que isto é así debido á conxunción de varios factores: o investimento sen precedentes do Goberno de España en materia de infraestruturas, ao uso intelixente e rigoroso dos fondos estruturais europeos e debido a unha política autonómica que está priorizando o gasto produtivo, o gasto en I+D e o gasto en educación.

O conselleiro asegurou que os resultados están á vista tanto na área económica coma na área social e que a iso hai que engadir que Galicia é unha comunidade cunha cultura, cunha lingua, cunha historia e cunha riqueza monumental e paisaxística singulares. O conselleiro fixo hoxe estas declaracións na inauguración en Santiago do 5º Encontro Nacional de Mercados Municipais Minoristas: Servizo Público e estratexias empresariais.

Mercados Minoristas

Méndez Romeu manifestou que o comercio de proximidade é o modelo territorial baseado no establecemento dos usos do comercio, de produtos de primeira necesidade, en cuxo entorno se van ubicando outros servizos igualmente necesarios. Segundo o conselleiro, isto é o que fai posible a revitalización do tecido urbano, a aparición de servizos públicos e a mellora dos índices de seguridade, entre outras cousas.

Méndez Romeu afirmou que nos mercados tradicionais a relación está baseada no coñecemento do produto e non na marca branca, na relación persoal e non no autoservizo e na fidelización do trato permanente e non na campaña de promoción. Sobre iso pódese construír unha marca, unha diversificación de medios de pago e engadir outros servizos colaterais que poñan inda máis en valor ese equipamento.

Así, o conselleiro dixo que na nosa comunidade hai 100 mercados minoristas que axudan a construír outras tantas cidades. Neste sentido, o conselleiro explicou que na vella Europa as cidades nacían como agrupación de comerciantes e polas necesidades do pequeno comercio ou comercio de proximidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia