Skip to main content

A cooperación entre empresas galegas e lusas, oportunidade de progreso

A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Helena Veiguela, avogou pola cooperación e o comercio mutuo entre Galiza e Portugal como “oportunidade” para ambos os dous países e como “necesidade para o progreso definitivo da área territorial que compartimos”. Helena Veiguela interveu no acto inaugural do IV Encontro Galiza-Portugal, que se desenvolve en Lisboa baixo a organización das cámaras de comercio de Vigo e da Coruña, no marco do Plan FOEXGA para o fomento das exportacións.

A directora xeral de Promoción Industrial apostou por “conformar unha base mais ampla para que as empresas galegas e portuguesas teñan acceso aos produtos, recursos e servizos dos que non dispoñen no seu contorno máis inmediato, a través da proximidade xeográfica, persoal e cultural”, co obxectivo de que “a relación provedor-cliente se enriqueza para mutuo beneficio, mellorando a capacidade duns e doutros”.

A historia económica de Galiza e Portugal, segundo expuxo Helena Veiguela, seguiu unha traxectoria similar, experimentando os dous países un forte proceso de integración que, para a directora xeral, está permitindo “crear lazos cada vez máis estreitos e fortes”. Tanto Galiza coma Portugal teñen un tecido empresarial caracterizado pola pequena empresa, o que, nun contexto de produción mundial estruturado a través de grandes multinacionais, eleva a necesidade de colaboración para acadar maiores niveis de competitividade.

A directora xeral de Promoción Industrial achegou ademais información sobre as relacións comerciais entre ambos os países. Así, dende 2005 as exportacións galegas a Portugal rexistraron un incremento acumulado do 56%, mentres que aínda foi superior o aumento das exportacións portuguesas a Galiza, cun aumento de case o 150%. Hoxe en día Portugal vende máis a Galiza, salientou Helena Veiguela, que a países como Italia, Estados Unidos ou Bélxica.

Máis de 250 empresas de Galiza, Portugal, Cabo Verde, Madeira e Azores participan neste IV Encontro Galiza-Portugal, no que están axendadas case 400 reunións de negocios. Unhas 40 empresas galegas e 90 portuguesas participan na rolda de negocios do Encontro, ás que a directora xeral agradeceu a súa asistencia. No acto inaugural tamén estiveron presentes o embaixador español en Lisboa e o embaixador de Cabo Verde.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia