Skip to main content

Pesca traballa en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, investigación aplicada e formación en 30 países

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, compareceu no Parlamento de Galicia para tratar sobre a política de cooperación pesqueira con terceiros países que está a levar a cabo o seu departamento. A titular de Pesca explicou aos deputados que a pesca galega é unha das actividades económicas máis internacionalizadas do noso país e conta con intereses pesqueiros nos cinco continentes. De feito, os empresarios da pesca operan en 25 países, aportando preto dun cinco por cento dos produtos do mar consumidos na Unión Europea, e acadando un volume de negocio co exterior de máis de 1.000 millóns de euros.

Deste xeito, a actividade das empresas galegas en terceiros países baséase cada vez máis nas estratexias de presenza a longo prazo, con investimentos en terra e con estratexias que garanten o futuro da actividade. Neste sentido, realizan actuacións dirixidas á formación de profesionais neses países, a transferencia de tecnoloxía, o reforzamento dos sectores produtivos e a conservación dos recursos pesqueiros.

Segundo a Conselleira, é neste contexto no que se enmarca a acción exterior que está a desenvolver o seu departamento cun total de 30 países a través de diferentes liñas de actuación: a cooperación ao desenvolvemento de terceiros países, os proxectos de intercambio de coñecemento con países desenvolvidos nos que existen intereses pesqueiros, participación institucional nos foros internacionais da pesca, así como o apoio ás empresas pesqueiras galegas no seu posicionamento no exterior.

A titular de Pesca dixo na súa comparecencia que estas actuacións están encamiñadas a consolidar a presenza do sector en terceiros países, ao tempo que se reforza unha colaboración institucional que redunde no desenvolvemento de proxectos conxuntos de interese común e na sustentabilidade das economías costeiras. Así mesmo, estas accións contaron por vez primeira este ano cunha partida económica específica dentro dos orzamentos xerais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Ademais, un total de 21 técnicos tanto de Pesca como dos seus centros de investigación e formación participaron dende o ano 2005 na realización destes proxectos.

Cooperación ao desenvolvemento

Na primeira das liñas de actuación, Carmen Gallego explicou aos membros da Cámara que se está a colaborar con terceiros países por unha banda seguindo as pautas e prioridades marcadas pola política de cooperación exterior do Goberno da Xunta, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, e da Agencia Española de Cooperación Internacional (AECI). Por outra parte, estase a traballar en proxectos propios de cooperación desenvoltos por persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en colaboración cos gobernos dos países obxecto.

Carmen Gallego asegurou que neste intre Galicia ten presenza en cooperación pesqueira ao desenvolvemento en 15 países, fronte aos nove cos que se estaba a traballar no ano 2005. En concreto, persoal da Consellería de Pesca traballa nun programa de extensión dirixido ás comunidades pesqueiras artesanais das zonas norte e centro de Perú. Tamén se está a levar a cabo o Plan Pescacentroamérica, que integra a Honduras, Nicaragua, Panamá, Costa Rica, El Salvador, Belice e Guatemala.

En Namibia, a Consellería de Pesca leva a cabo varios proxectos de cooperación co goberno deste país e que se atopan xa moi avanzados. Son por exemplo a escola Náutico-Pesqueira de Namfi, que traballa xa a pleno rendemento e en colaboración co sector pesqueiro galego presente neste país africano, e a planta de acuicultura continental IAC en Omahenene, que en breve contará cunha planta de produción de pensos co obxectivo de lograr a autosuficiencia desta instalacións.

No caso de Guinea Bissau estase a desenvolver un proxecto de posta en funcionamento da escola náutico-pesqueira de Bolama, co fin de cubrir as necesidades técnicas e formativas dos pescadores da zona. Así mesmo, en Brasil estase a levar a cabo unha acción de cooperación integrada no ámbito da capacitación, investigación, infraestruturas e comercialización pesqueira no estado de Alagoas.

Carmen Gallego tamén explicou que en Ecuador e Guatemala se está a traballar na capacitación do cadro de persoal das plantas procesadoras de atún, composta sobre todo por mulleres. En Cabo Verde, Sao Tomé e Príncipe e Guinea Bissau tamén se está levando a cabo un proxecto para favorecer a formación e a dotación de equipamento no ámbito da vixilancia e o control pesqueiro.

Pola súa parte, representantes do sector e o goberno de Mozambique, Angola, Cabo Verde, Sao Tomé e Príncipe, Guinea Bissau e Guinea Ecuatorial participarán o vindeiro mes de novembro nun seminario impulsado por Pesca sobre o asociacionismo das mulleres no sector da pesca e da acuicultura. A finalidade dos mesmos e acadar vías de cooperación entre os países que axuden a que as mulleres poidan involucrarse no sector pesqueiro.

Carmen Gallego anunciou que para o futuro inmediato se están a avaliar proxectos en Angola e Mozambique para afondar no desenvolvemento da pesca artesanal, acuicultura e formación. Así mesmo, está prevista a colaboración con Marrocos para a formación de traballadores no ámbito da depuración de moluscos e en técnicas de pesca máis selectivas.

Intercambiar coñecemento

Carmen Gallego comunicou no pleno do Parlamento que no eido das accións dirixidas á investigación aplicada e a formación se levou a cabo o programa Aquareg con rexións costeiras de Irlanda e Noruega. Froito desta iniciativa e da boa sintonía entre as rexións implicadas nela, está prevista a continuación da colaboración entre estas comunidades costeiras europeas no marco dun novo programa de traballo que liderará Galicia. Dentro das liñas principais de investigación que contempla estarán a repoboación, a tecnoloxía “off shore” en acuicultura e a xestión dos recursos das comunidades costeiras.

Ademais, estanse a desenvolver outros proxectos como o programa da zona atlántica Interreg IIIB, con grupos de investigación do Devon County Council do Reino Unido sobre “Respostas de Emerxencia á Contaminación Mariña”, e con Irlanda sobre o “Cultivo Sostible de Ensis”.

Nesta liña de actuación da Consellería de Pesca, tamén se acordaron proxectos de investigación mariña e formación náutico-pesqueira co estado de Sucre en Venezuela e no ámbito da investigación en cultivo de solénidos con Chile.

Participación en Foros Pesqueiros Internacionais

Carmen Gallego asegurou aos deputados que outra compoñente importante da acción pesqueira exterior é a participación da Consellería de Pesca nos foros internacionais nos que se adoptan decisións que afectan aos intereses xerais das empresas galegas do sector. Segundo explicou Carmen Gallego, representantes do seu departamento participan nas xuntanzas das Organizacións Rexionais de Pesca como NAFO ou ICAAT formando parte da delegación comunitaria.

Así mesmo, a Consellería de Pesca participa como observador activo e en apoio ao sector pesqueiro galego, nos Consellos Consultivos Rexionais (RAC´s) creados no ano 2004 ao amparo da última reforma da Política Pesqueira Común e onde a frota galega ten intereses pesqueiros. Deste xeito, participa nos RAC´s de augas noroccidentais, o de poboacións peláxicas, o de frotas de altura e longa distancia, así como o de augas suroccidentais. Neste último, Galicia comparte a presidencia co País Vasco, cun sistema rotativo de dous anos.

Apoio aos empresarios pesqueiros

Finalmente, a responsable de Pesca da Xunta de Galicia, explicou que as liñas de actuación do seu departamento tamén se dirixen a apoiar aos empresarios pesqueiros galegos no seu posicionamento no exterior. Neste sentido, é de destacar a presenza institucional da Consellería en máis de trinta feiras e certames de carácter internacional onde a promoción dos produtos galegos do mar foi o obxectivo principal.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia