Skip to main content

Os homes ocuparon o 86% dos empregos xerados polos novos centros de traballo

O 85,9% dos empregos que xeraron os centros de traballo postos en marcha ao longo de 2006 en Galicia foron ocupados por homes. Segundo se desprende do anuario de estatísticas laborais da Consellería de Traballo correspondente ao pasado exercicio, os centros de traballo de nova creación, os que reiniciaron ou cambiaron a súa actividade e os que se trasladaron proporcionaron unha ocupación a 84.149 persoas, das que só 11.802 (o 13,1%) foron mulleres.

As cifras de ocupación desglosadas por tipo de actividade amosan que o sector da construción é clave para que se produza este diferencial, dado que é o que xera máis centros de traballo. Dos 19.551 centros de traballo que se puxeron en marcha en Galicia en 2006 un total de 10.739 corresponderon a este sector. Pero ademais tamén se trata da actividade que proporcionalmente promove máis empregos, ao ocupar a 63.263 persoas. Esta cifra supón máis do 75% dos postos laborais xerados polo total de centros de traballo analizados.

Por iso a drástica diferenza entre ocupación de homes e mulleres neste sector incide tanto na comparativa entre ocupacións de homes e ocupacións de mulleres. De feito, cómpre destacar que se esta actividade fose excluída do estudo, as ocupadas superarían ao número de ocupados, con 10.758 mulleres fronte a 10.128 homes.

O comercio e a reparación de vehículos ou de artigos de uso doméstico constitúe a segunda actividade en función do número de centros de traballo postos en marcha o pasado ano. Este é un dos casos, por exemplo, nos que o número de mulleres ocupadas superou ao dos homes, con 3.264 traballadoras fronte a 2.197 traballadores.

O mesmo sucede no balance dos centros de traballo correspondentes ás actividades de hostalería, intermediación financeira, actividades inmobiliarias, educación, actividades sanitarias e outras actividades sociais e de servizos á comunidade. Os homes priman, pola contra, nos centros de traballo dedicados á agricultura ou gandería, pesca, industrias extractivas, industria manufactureira, e produción e distribución de enerxía eléctrica.

Muller porque si

A mencionada estatística refrenda o convencemento da Consellería de Traballo ao respecto da necesaria incorporación da muller a ocupacións tradicionalmente masculinizadas como paso inexcusable no camiño cara ao pleno emprego. Por iso o titular deste departamento, Ricardo Varela, defende “un cambio na cultura das profesións” que implica “un cambio na cultura das capacidades”, no que toda a sociedade debe ser partícipe.

Administración, patronal e sindicatos, en virtude do proceso de Diálogo Social que se está a desenvolver en Galicia, están a poñer toda a súa atención no programa Muller porque si. Este plan, iniciado hai varios meses, ten como obxectivo específico lograr a inserción laboral de mulleres en profesións nas que as traballadoras están subrepresentadas.

Xa están en marcha 60 cursos de formación correspondentes a este programa, polo que se formará a 900 mulleres en ocupacións tradicionalmente masculinizadas e inserirá laboralmente polo menos a 315. A rede de oficinas do Servizo Público de Emprego contactou con máis de 3.000 mulleres rexistradas como demandantes e, delas, case 1.500 manifestaron a súa vontade de participar no programa.

Os orientadores da Consellería analizaron os seus perfís profesionais para seleccionar ás participantes dos cursos. Ademais, están a traballar con todas as participantes para o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción. Nos itinerarios establécense as medidas de mellora da empregabilidade que cada demandante de emprego debe realizar, incluíndo o proceso formativo necesario para incorporarse á ocupación escollida.

Así pois, os cursos que se están a impartir no marco de Muller porque si son de pavimentadora-azulexadora, carpinteira metálica e de PVC, albanela, operadora de maquinaria de escavación, ferrallista e condutora, entre outros.

De forma paralela ás actuacións que establece o programa, os axentes sociais están a realizar reunións cos empresarios dos sectores de cada zona, así como actividades de difusión, para conseguir compromisos de inserción laboral das mulleres participantes.

O plan Muller porque si, con máis de 3 millóns de euros de financiamento, contribúe a dar cumprimento aos acordos asinados en febreiro cos axentes económicos e sociais no marco do Diálogo Social.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia