Skip to main content

Pesca reforza con 17 prazas a inspección pesqueira e o Centro de Investigacións Mariñas

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, compareceu no Parlamento de Galicia para informar á Cámara do orzamento xeral do seu departamento para o ano 2008. A partida coa que conta a Consellería de Pesca para levar a cabo as actividades programados para o vindeiro ano ascende a un total 234.288.017 euros.

O orzamento da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para ano 2008 está claramente vencellado a dúas situacións que deben considerarse como fundamentais para levar a cabo o compromiso acadado por este Goberno no ámbito da pesca e dos profesionais que dependen, directa ou indirectamente, da actividade que regula e ordena este departamento.

A primeira destas situacións refírese á aprobación e posta en marcha do Fondo Europeo da Pesca (FEP), que define o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sostible do sector pesqueiro. A segunda das situacións que marca o ano 2008 é a aprobación dunha nova Lei de Pesca para Galicia.

No que respecta ao FEP, no orzamento deste ano xa aparecía reflectido este fondo europeo, pero condicionado á aprobación por parte da UE da normativa que permitirá a súa aplicación práctica e efectiva, unha normativa que se traduciu na aprobación ao longo do ano 2007 de regulamentos de aplicación e dun vademecum que clarexaba a qué gastos se podería destinar, os posibles beneficiarios destas axudas, a intensidade das mesmas, etc. Cumpridos estes trámites, a aplicación de fondos realizarase agora coa máxima eficacia con fin de acadar unha mellora substancial das condicións laborais, profesionais e de respecto polo medio ambiente dos profesionais do mar e das poboacións costeiras.

Xunto ao novo FEP, a tramitación e aprobación dunha nova Lei de Pesca de Galicia que se adapte ás necesidades e demandas do sector, dará un novo pulo na mellora das condicións sociais xa citadas, xa que se contará cos instrumentos legais necesarios para poder executar unha política pesqueira acorde cos tempos actuais. Deste xeito, e tendo en conta que un dos obxectivos desta nova normativa é a mellora na prestación dos servizos de inspección e vixilancia pesqueira, a través da creación da Sociedade Galega de Salvamento, o orzamento para o ano 2008 contempla a creación de 10 novas prazas para este departamento que redundarán nunha mellora deste servizo para os profesionais do sector.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segue mantendo para o ano 2008 o principio de apostar por unha participación activa de todos os axentes sociais con iniciativas que redunden en beneficios para as poboacións costeiras e os seus habitantes, de conformidade coa liña que marca o novo instrumento financeiro europeo. Neste senso, merece especial atención a creación dos grupos de acción costeira. Así, ao longo do ano 2008 vaise proceder a dinamizar en todas e cada unha das sete zonas seleccionadas do noso litoral como de actuación e aplicación dos FEP, unha convocatoria de constitución dos grupos nos que terán participación todos os axentes sociais e económicos que conviven nas poboacións costeiras, promovendo a presentación de plans estratéxicos de desenvolvemento sustentable desas zonas na procura dunha mellora da calidade de vida.

Deste xeito, o orzamento da Consellería de Pesca para o próximo exercicio segue apostando dun xeito claro por unha política iniciada ao comezo desta lexislatura, que se enmarca dentro dunha aplicación práctica e efectiva dunha política de carácter social dirixida aos colectivos que traballan no sector extractivo; a aposta por unha política formativa que dea resposta ás necesidades do sector e que permita consolidar emprego e poboación no noso litoral; apoio ao desenvolvemento destas zonas, e unha política respectuosa co medio ambiente.

Desta forma, as liñas de actuación da Consellería de Pesca perseguirán fundamentalmente, os seguintes obxectivos no exercicio orzamentario do 2008:

Política de carácter social

No orzamento deste ano prodúcese unha clara consolidación das políticas sociais iniciadas polo departamento que dirixe Carmen Gallego dende que chegou ao Goberno e que benefician a un gran número de traballadores/as do mar. Así, no vindeiro ano mantense o compromiso de continuar co seguro de accidentes e a súa ampliación a todos aqueles tripulantes enrolados en barcos con porto base en Galicia, sen distinción da súa nacionalidade. A este apartado, Pesca destina un total de 1.220.000 euros. Pola súa banda, o seguro de mal tempo, dirixido a frota galega que ten o seu porto base na nosa comunidade autónoma, ten destinada unha partida económica de 1.380.100 euros. Con respecto a este seguro, que acaba de nacer, a Consellería continuará traballando na mellora da definición deste produto, novidoso e complexo, e seguirá contemplando unha partida económica a través dunha liña de axudas que sirva para que o sector se conciencie da necesidade de contar con mecanismos que fagan do seu traballo unha actividade empresarial na que os riscos se reduzan mediante a cobertura de situacións de inestabilidade.

Tamén no próximo ano se manterá a cobertura a aquelas mariscadoras que, como consecuencia da imposibilidade legal de darse de alta no Réxime Especial do Mar durante anos, non puideron acadar os anos de carencia necesaria para ter dereito a unha pensión de xubilación. Coa publicación no 2007 da orde de axudas feita e o seu mantemento o próximo ano, conséguese, por un banda, paliar a perda de rendas que sofren as mariscadoras á hora da xubilación e, por outra parte, que cando acaden ese período de carencia, poidan disfrutar dunha pensión de xubilación con todas as garantías a través dun convenio especial. Pesca destinará o ano que vén un total de dous millóns de euros a este Plan de Pensións.

Dentro da política de carácter social enmárcase tamén a cooperación pesqueira internacional. Esta inclusión obedece á incidencia da cooperación nas poboacións nas que se desenvolve esta política, que incide directamente na formación e capacitación dos cidadáns do país receptor da cooperación e, polo tanto, na mellora das súas condicións socioeconómicas. Ademais, estas accións teñen tamén a súa repercusión nos traballadores e empresarios galegos que desenvolven a súa actividade nestes terceiros países e que consideran que estas actuacións teñen unha incidencia favorable na súa situación sociolaboral. A Consellería Pesca e Asuntos Marítimos ten previsto investir no ano 2008 ao redor de dous millóns de euros en cooperación pesqueira internacional.

Por último, e dentro das políticas sociais, o ano que vén poranse en marcha medidas dirixidas a potenciar o desenvolvemento das zonas costeiras co obxecto de seguir fixando poboación nos concellos do litoral. Pesca definiu no seu programa de actuación do Fondo Europeo da Pesca un total de sete zonas de actuación dos grupos de acción costeira. Así, achegaranse preto de cinco millóns e medio de euros (5.404.000) ás accións destinadas ao desenvolvemento sostible destas zonas.

Política formativa

Galicia é a Comunidade Autónoma de todo o Estado que conta cun maior número de centros de formación en materia náutico-pesqueira, con centros propios, públicos e privados, e centros doutras administracións ubicados na nosa rexión. Ademais, conta con tres universidades que continuamente desenvolven accións de investigación que, directa o indirectamente, teñen a súa aplicación práctica no traballo e no coñecemento do medio no que traballamos.

Nesta liña, e co obxecto de obter o maior beneficio posible para Galicia, no apartado de política formativa destacan catro accións de especial transcendencia para todo o sector:

-O Plan de Formación Integral: A Consellería de Pesca elaborou por primeira vez un plan de formación que definiu un mapa das distintas escolas dependentes da Consellería e adaptou a súa oferta ás necesidades formativas do sector, apostando por unha docencia de alta calidade e unha especialización dos profesionais que nos permitirá manter plenamente activas as profesións do mar.

-Por outra banda, e en plena harmonía cos FEP, o orzamento de 2008 fai unha clara aposta pola implantación por parte das empresas de liñas de I+D+i, de xeito que a nosa competitividade proveña non soamente da nosa tradición e coñecemento, senón dun plus que outros países non están en condicións de aportar. Para esta e a anterior iniciativa a Consellería prevé unha achega de 7.405.000 euros.

-Nesta liña de traballo se atopa a “Cidade do Mar”, un proxecto que concentrará en Vigo todos os coñecementos, centros e recursos humanos. Xuntar todas esas sinerxias e conquerir o obxectivo de contar cunha ferramenta de coñecemento única no mundo é o obxectivo que persegue a Cidade do Mar. A Consellería de Pesca ten previstas unha partida orzamentarias para o desenvolvemento destas unidades de I+D+i no centro vigués dun total de 1.420.954 euros.

-Ademais, no Centro de Investigacións Mariñas, o centro investigador por excelencia da Consellería de Pesca, vanse crear este ano por vez primeira novas prazas. Un total de sete profesionais incrementarán o persoal deste instituto.

Política medioambiental

O orzamento de Pesca para o próximo ano amosa o compromiso deste goberno por unha política de respecto polo medio ambiente, compatible coa inversión e o fomento da creación do emprego. Por iso, dende a Consellería que dirixe Carmen Gallego se segue a apostar pola creación e modernización de industrias de transformación e conservación mediante liñas de axudas a estas actuacións.

Neste senso, destaca a posta en marcha das accións derivadas do Plan Estratéxico para a Industria da Transformación e do Conxelado, que se presentará en breve, así como o Plan Estratéxico da Conserva, xa presentado, cuxos obxectivos son a definición de políticas que conxugan directamente intereses públicos co respecto polo medio ambiente e o mantemento e maior dimensionamento da actividade empresarial e dos postos de traballo. Para estes sectores, o orzamento de 2008 contempla 43 millóns de euros (43.041.000).

Tamén está contemplado na partida orzamentaria do próximo ano o Plan Galego de Acuicultura, que conxuga o respecto polo medio ambiente coas inversións no noso litoral. Para esta actuación está prevista a inversión de máis de 50 millóns de euros.

Outras das iniciativas de Pesca que terán continuidade no 2008 é a creación de reservas mariñas protexidas. O obxectivo é manter as dotacións destinadas a implementar este modelo de xestión baseado no respecto ao medio ambiente; no desenvolvemento sustentable e no principio de corresponsabilidade sector-administración na explotación dos recursos. Nesta liña crearanse novas áreas de protección mariña noutros puntos do litoral galego. Estas medidas de protección para a flora e a fauna acuáticas contan cunha dotación para o ano que ven de 750.000 euros.

Dentro deste apartado tamén se atopan as accións levadas a cabo pola Consellería en forma de plan de traballo individualizado para cada ría ou banco marisqueiro afectado pola clasificación das súas zonas de produción como C. Para estas actuacións o orzamento de Pesca conta cun total de 14,9 millóns de euros.

Por último, Pesca contempla para 2008 unha nova acción vencellada ao desenvolvemento sustentable: a aposta polos produtos galegos mediante a creación de marcas de calidade ou denominacións de orixe. A calidade fronte á cantidade debe incidir na explotación racional dos recursos dos que gozamos no noso litoral, e a posta en marcha das políticas que incidan na comercialización deben ter en conta tamén un carácter de sustentabilidade. Pesca destinará para campañas de promoción e novos mercados máis de sete millóns e medio de euros (7.590.000).

Estas son as liñas xerais dun orzamento que recoñece ao sector do mar como un sector estratéxico para o benestar e o desenvolvemento da nosa comunidade. O sector da pesca en Galicia é líder en Europa e confía na competitividade para afrontar o futuro. Nesta crenza se elaborou o orzamento da Consellería de Pesca, sen perder a perspectiva de que as persoas son o fin primeiro e último das distintas partidas que conteñen.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia