Skip to main content

Un mar de velas da a coñecer o patrimonio marítimo e fluvial galego

O documental ”Un mar de velas”, que se estrea o sábado 10 de novembro na TVG, ten como obxecto dar a coñecer as embarcacións tradicionais e o traballo dos colectivos e persoas que traballan neste sector á sociedade galega. Así o explicou o director do documental, Pemón Bouzas, quen destacou o traballo de todo o equipo, así como que “este traballo é o producto das inquedanzas tanto da Dirección Xeral para o Deporte coma da TVG sobre a defensa e protección do patrimonio marítimo e fluvial galego”.

Este traballo recolle os VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se desenvolveron en Ferrol, pero tamén fan un percorrido por distintas asociacións, mariñeiros, historiadores, para coñecer a toda a xente que leva anos traballando para conseguir que o patrimonio marítimo e fluvial galego sexa posto en valor. No acto de presentación estiveron presentes a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, o director de programas da TVG, Eduardo Galán, o presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Fernando Piñeiro, e o director do documental, Pemón Bouzas.

Pola súa parte, a directora xeral para o Deporte felicitou a TVG e aos responsables do documental polo bo traballo realizado e recordou o convenio de colaboración asinado coa Federación pola Cultura Marítimo e Fluvial, a través do proxecto Nabeira, que terá o seu momento de gloria coa presenza de Galiza como invitada de honra na Feira Marítima Internacional de Brest (xullo 2008). “Galiza estará representada alí coa nosa cultura, a nosa música, a nosa gastronomía, as nosas embarcacións tradicionais... É un xeito de proxección internacional da cultura marítimo e fluvial galega”.
Gabinete de Comunicación da Dirección Xeral para o Deporte de la Consellería de Cultura e Deporte de la Xunta de Galicia