Skip to main content

Pesca e FAO acordan colaborar en cooperación pesqueira internacional

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo en San Caetano unha xuntanza de traballo co coordinador do programa de Cooperación descentralizada da Organización de las Naciones Unidas para la Agricultura y la Alimentación (FAO), Javier Pérez de Vega. Na reunión tamén estiveron presentes o director xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Alberto González Garcés, e un dos técnicos da área de Cooperación Internacional deste centro, Gabriel de Labra.

Durante o encontro con Carmen Gallego, o representante da FAO trasladoulle á Conselleira a disponibilidade da súa organización en traballar conxuntamente en materia de cooperación pesqueira internacional nos países nos que tanto o Goberno galego como a FAO están a desenvolver proxectos.

Deste xeito, a titular de Pesca e mailo coordinador do programa de Cooperación descentralizada falaron da posibilidade de que esta organización das Nacións Unidas conte con técnicos da Consellería de Pesca para as misións de avaliacións de proxectos en países necesitados de cooperación ao desenvolvemento, algo no que a FAO se amosou moi interesada.

Carmen Gallego e Javier Pérez de Vega continuarán en contacto co fin de acadar un fortalecemento na cooperación ao desenvolvemento en materia pesqueira nos países que son obxectivo de interese tanto para Pesca como para a ONU.

Esta xuntanza forma parte dos distintos contactos que representantes da FAO están a manter durante a súa visita a Galicia. Esta viaxe á nosa comunidade vén motivada, ademais, polo seu interese en potenciar as relacións cunha rexión considerada como unha das grandes potencias pesqueiras de Europa e do mundo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia