Skip to main content

Destinados 138 millóns de euros a impulsar o desenvolvemento tecnolóxico

A Xunta de Galicia destinará o próximo ano 138 millóns de euros á investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación o que supón un 60% máis que no ano 2005. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio na clausura da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios ‘Techbusiness Week 2007’ celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. O conselleiro salientou a aposta do Goberno galego pola sociedade da información e a incorporacións das novas tecnoloxías como medio para incrementar a produtividade e a competitividade. “O obxectivo é impulsar o crecemento e a creación de emprego a partir dunha economía baseada na sociedade do coñecemento”, explicou.

Nesta estratexia, segundo expuxo, a incorporación das tecnoloxías da información e a comunicaión (TIC) é un elemento fundamental tanto no ámbito das empresas como das administracións públicas. Neste último ámbito, explicou, Galicia está a destinar recursos para a extensión da sociedade da información aos servizos públicos con repercusión no cidadán. Exemplo diso é a implantación das TIC nos sectores sanitario e educativo, así como noutros ámbitos da administración pública para desenvolver novos servizos ou incrementar a calidade na prestación dos mesmos. No presuposto 2008, destínanse máis de 75 millóns ás TIC, entre o Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) e os plans de implantación das tecnoloxías da información nos ámbitos educativos e sanitarios. Ademáis, 12,6 millóns de euros adicionais van dirixidos á avaliación e á calidade da administración pública, incluíndo o impulso da e-Administración.

Xunto coas actuacións do sector público, o conselleiro salientou a importancia de incrementar a contribución das empresas e institucións privadas ao gasto xeral en I+D+i co obxectivo de aumentar a produtividade e abordar estratexias de crecemento baseadas na diversificación de produtos, no diseño e na calidade, e na internacionalización das empresas. Neste sentido, animou aos empresarios a abordar iniciativas de cooperación para o desenvolvemento, utilización e difusión da innovación para incrementar as posibilidades de trasladar á novos produtos e procesos os resultados das investigacións dos axentes académicos, empresariais e institucionais. Trátase, explicou, de “impulsar o crecemento económico e social de Galicia a través da mellora da nosa capacidade científico-tecnolóxica, e facilitando a participación das empresas nos procesos de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega”.

Agrupacións Empresariais Innovadoras

Nesta mesma liña, o conselleiro salientou que Galicia conta con catro Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI´s) dentro da primeira convocatoria do Programa de apoio a esta nova figura de cooperación empresarial. En concreto, dentro das sesenta aprobadas, figuran a AEI Enerxía e Medio Ambiente Sostible; a Asociación Clúster do Naval Galego; o Clúster da Madeira; e a Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia. Os proxectos destas catro AEI´s galegas contarán co apoio do programa do Ministerio de Industria Turismo e Comercio para o desenvolvemento dos seus respectivos planos estratéxicos sectoriais. Galicia é así a quinta comunidade autónoma por número de AEI´s incluídas no programa que contará con tres millóns de euros en axudas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia