Skip to main content

O director xeral de Caixa Galicia recibe o Premio Economista do Ano

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, remarcou a adhesión á Estratexia de Lisboa da política económica da Xunta, “que ten na formación de capital humano, na formación de capital tecnolóxico e no impulso da iniciativa empresarial a súa clave de bóveda”. Durante a entrega, esta noite na Coruña, do premio ‘Economista do Ano’ ao director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, o titular da Xunta salientou que a economía ocupa “un lugar central” na axenda política do Goberno que preside, que converteu en eixes o consenso cos axentes económicos e sociais que permitiu froitos como o pacto polo emprego ou os actuais niveis de diálogo social.

Pérez Touriño explicou que a aposta principal do actual Goberno autonómico radica na transformación do modelo de crecemento de Galicia, mediante o afianzamento dos factores máis dinámicos, os que teñen maior capacidade de impulso e de arrastre sobre a produtividade e a competitividade dun país, en definitiva os elementos cruciais do proceso de creación de valor.

Nese sentido destacou o empeño da Xunta por desenvolver o capital humano, a innovación tecnolóxica e o impulso da iniciativa empresarial, “elementos sobre cuxa capacidade de impulsar o crecemento existe un amplo consenso entre os economistas”, apuntou, para engadir que “non por casualidade, estes mesmos elementos constitúen o núcleo da chamada Estratexia de Lisboa”.

O máximo mandatario autonómico resaltou que o Goberno de Galicia apostou claramente por esta estratexia, incrementando de forma importante os recursos dedicados á educación e á formación profesional, reforzando o impulso á innovación e á investigación, máis tamén con instrumentos de planificación como o Plan Galego de I+D+i e a creación de clústers e plataformas tecnolóxicas.

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño salientou a nova estratexia de dinamización da iniciativa empresarial do Goberno galego, que cambiou “unha cultura baseada na pura subvención por unha estratexia de incentivos, sobre a base de compartir o risco cos emprendedores”.

O presidente da Xunta defendeu a necesidade de completar esa estratexia cun pulo ás infraestruturas do transporte, e defendeu a aposta polo territorio e polo crecemento sustentable como “elemento medular do proceso de modernización de Galicia”.

“Estamos marchando na senda axeitada”

Sinalou que os factores necesarios para o cambio económico en Galicia, estiveron presentes na mente dos economistas desde hai tempo, pero non foran “aplicados como unha estratexia integral de desenvolvemento ata a chegada deste Goberno”. Tras dous anos do comezo da transformación, Touriño subliñou que “podemos dicir que estamos marchando na senda axeitada”.

Así o titular da Xunta referiuse aos datos que reflicten o alto ritmo de crecemento da economía galega, ás cifras de creación de emprego, ao índice de produción industrial, ou ao forte incremento das exportacións, como “a mellor proba de que estamos traballando na dirección axeitada”. Segundo o presidente galego, estes datos “resumen o comportamento dunha economía máis forte, máis competitiva”, que “incrementou de forma potente, sostida e sostible, o seu ritmo de crecemento e que avanza na senda da converxencia”. O titular autonómico considerou que nun horizonte próximo poderemos contemplar “un país plenamente inxerido no corazón de Europa”.

‘Economista do Ano’

O máximo mandatario autonómico presidiu esta noite a entrega do galardón ‘Economista do Ano’, que concede o Colexio de Economistas da Coruña e que nesta ocasión recaeu no director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez.

O titular do Goberno galego felicitouno por esta distinción e destacou a súa responsabilidade “no espectacular desenvolvemento que seguiu Caixa Galicia nas últimas décadas, converténdose nunha das caixas de aforro de referencia no panorama nacional e fundamental no proceso de modernización da nosa economía e da nosa Comunidade autónoma”.

Pérez Touriño salientou a implicación da entidade financeira que dirixe Méndez co país, e que vai máis alá do meramente económico, movendo “potentes iniciativas de carácter social, cultural e medioambiental”. Nesa liña, o presidente galego subliñou o proxecto de colaboración entre a Xunta e Caixa Galicia no eido ambiental, o Fondo Galicia Natureza que está a permitir recuperar e pór en valor o patrimonio natural galego. Asimesmo, mencionou a recentemente posta en marcha, tamén en colaboración coa Administración autonómica, do Fondo de Cooperación Cinematográfica, polo que Caixa Galicia presta o seu apio económico a “un sector estratéxico para a Comunidade Autónoma”.

Ademais, defendeu a importancia do “pioneiro” proxecto do Informe anual sobre a economía galega que promove Caixa Galicia e que constitúe “unha referencia fundamental para os que estamos interesados no devir da economía de Galicia”. Indicou que se trata dun proxecto “inspirador” da política económica da Xunta e no que se atopan os factores necesarios para a modernización da economía do país.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia