Skip to main content

I Congreso Internacional sobre Violencia de Xénero

“A violencia contra as mulleres é un problema universal e unha das violacións máis xeneralizadas dos dereitos humanos”. Con esta afirmación comezou a súa intervención a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, na inauguración do I Congreso Internacional sobre Violencia de Xénero. Este simposio reúne a preto de 20 expertos internacionais que debaten en Santiago sobre os malos tratos ás mulleres. Arredor de 400 persoas participan ao longo de 3 xornadas, o 15, 16 e 17 de novembro, no Auditorio de Galicia nun foro de debate, reflexión e intercambio de experiencias investigadoras arredor deste tema, con conferencias, mesas redondas e actividades complementarias, co obxectivo de aumentar o grao de sensibilización social. O Congreso forma parte dos actos que organiza o departamento autonómico arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se celebra o 25 de novembro.

Carme Adán salientou a importancia de contar en Galiza arestora coa Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, aprobada o pasado mes de xullo froito do consenso dos grupos de mulleres, profesionais implicados e grupos políticos. Trátase dun marco que obriga ás administracións a consignar fondos e desenvolver planos que melloren a atención ás mulleres vítimas e aposten por políticas de prevención. Neste senso, Adán dixo que a Vicepresidencia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, destinará para o 2008 un 20% máis nos seus orzamentos destinados a accións de intervención, e un 30% máis aos que desenvolven políticas de prevención.

Adán indicou que a Lei recolle cuestións como o salario da liberdade, ao que xa accederon 542 mulleres galegas e que para o ano que vén leva asignado un orzamento de 1,7 millóns de euros. A nova norma tamén recolle medidas no ámbito do acollemento, o acceso á vivenda e ao emprego, cunha partida de preto de 1,5 millóns de euros. De tódolos xeitos, Adán sinalou que “os orzamentos sempre son insuficientes porque o traballo é moito e precísanse moitas mans para poder paliar un problema global”.

Formación

Na súa intervención, Adán relatou como no mundo unha de cada tres mulleres sufrirá algunha forma de violencia durante a súa vida, e que a violencia é a primeira causa de morte entre as mulleres de 20 a 40 anos. Tamén dixo que arestora viven en Galiza 2.423 mulleres cunha orde de protección.

Dentro das medidas nas que traballa a Secretaría Xeral de Igualdade, Carme Adán destacou a formación de profesionais, que comezou neste último trimestre de 2007 polos servizos sociais, chegando a máis de 500 profesionais; e que nos vindeiros anos se abarcará ao persoal sanitario nunha segunda fase, a nunha terceira a operadores xurídicos e forzas e corpos de seguridade.

Tamén dixo que a formación se complementará cunha plataforma de teleformación que facilite o acceso as e os profesionais. Así mesmo, indicou que se está a deseñar unha Biblioteca virtual que estará operativa no 2008 e que permitirá acceder a un amplo abano de materiais e protocolos de intervencións, que se completará cun foro aberto para profesionais. “Queremos crear unha rede de profesionais sensibilizados coa importancia de erradicar a violencia e que se complemente coas redes sociais de mulleres que dende hai anos acompañan as mulleres vítimas. Será o proxecto Rodela”, explicou Adán, quen sinalou que nesta rede deben estar incluídos os homes para amosar os seu compromiso co rexeitamento da violencia de xénero e o seu compromiso coa igualdade.

A secretaría xeral de Igualdade explicou que o congreso pretende ser un foro de reflexión sobre a imaxe que temos da violencia e que se transmite a través das aulas e dos medios de comunicación. Indicou que as aulas “coeducativas son garante dun futuro igualitario para as xeracións máis novas”. Asemade, aludiu ao importante papel que teñen hoxe en día os medios de comunicación tanto no tratamento das noticias como na imaxe que das mulleres transmiten. Para abondar na consecución de medios sensibilizados e activos na prevención da violencia, Adán dixo que a Secretaría Xeral de Igualdade está a traballar na edición dun manual sobre o tratamento do tema da violencia de xénero nos medios e que estará preparado para o mes que vén.

Relatorios

O psicólogo Jorge Corsi pronunciou esta mañá o relatorio “Aspectos visibilizados e invisibilizados da violencia de xénero”, no que explicou como hoxe en día se incide nos aspectos máis visibles como poden ser as noticias que saen nos medios sobre casos de violencia de xénero, mentres que é importante destacar aqueles aspectos invisibilizados como son as situacións de abuso de poder entre a parella, as imposicións do rol servil nas mulleres, as situacións de illamento ás que se someten ou o control da súa vida privada. Corsi afirmou que a violencia de xénero non é só un problema individual, senón que o é de todo o mundo. Falou da importancia de que Leis como a galega contemplen unha perspectiva integral da cuestión da violencia de xénero, nas que se inclúa o apartado da prevención.

A mañá pechouse cunha proxección audiovisual para tratar a lexislación sobre violencia de xénero en distintos países da Unión Europea. E pola tarde, a escritora Gemma Lienas, diserta sobre “A prevención da violencia de xénero a través da lectura” (16.00 h.). Seguirá unha mesa redonda (17.45 h.) e rematarase a xornada coa representación teatral “Corpos Disidentes” de Nut Teatro. (19.30 h.)

Venres 16

O venres abre as intervencións a antropóloga feminista Marcela Lagarde, co relatorio “Claves para os dereitos humanos das mulleres: do feminicidio á Lei xeral de acceso das mulleres a unha vida libre de violencia” (10.00 h.). A partir das 12.00 horas, a xornada céntrase na abordaxe da violencia de xénero dende os medios de comunicación, con conferencias de Trinidad Núñez Domínguez, investigadora do Departamento de Psicoloxía Social da Universidade de Sevilla (12.30 h.) e Pilar López Díez, investigadora e formadora en políticas de xénero e medios de comunicación no Instituto Oficial de Radio e Televisión (RTVE) (16.00 h.), así como unha mesa redonda (17.45 h.)

Sábado 17

Xa o sábado, tratarase o papel dos homes ante a violencia de xénero. Este tema centrará a conferencia de Luis Bonino, psiquiatra e director do Centro de Estudos da Condición Masculina (10.00 h.), e ocupará tamén unha mesa redonda (12.00 h.). O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, clausurará o Congreso.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia