Skip to main content

As consellerías de Pesca e Medio Ambiente poñen en marcha unha rede de estacións meteorolóxicas

As Consellerías de Pesca e Medio Ambiente, a través do Intecmar e de Meteogalicia, poñen en marcha unha rede de estacións océano-meteorolóxicas co obxectivo de mellorar o coñecemento das augas costeiras de Galicia. Actualmente, a rede consta de dúas estacións, en Cortegada e Rande, e está prevista proximamente a incorporación dunha adicional nas proximidades das Illas Cíes. O obxectivo final desta iniciativa é instalar novas plataformas de medición ao longo de toda a costa galega.

Dende estas estacións monitorízanse en continuo distintas variables: temperatura, salinidade, velocidade e dirección da corrente e diversas variables meteorolóxicas. Os datos envíanse en tempo real directamente a un servidor en terra. As páxinas web de Meteogalicia (www.meteogalicia.es) e Intecmar (www.intecmar.org) poñen dende hoxe mesmo a disposición do público todos os datos que se reciben dende estas instalacións.

Como é ben coñecido polo sector pesqueiro e marisqueiro, as condicións oceanográficas e meteorolóxicas nas zonas costeiras teñen grande influencia na dinámica dos recursos mariños. O coñecemento destas variables océano-meteorolóxicas supón un apoio fundamental para a xestión e o aproveitamento destes recursos, así como para outros sectores relacionados: seguridade marítima, turístico, etc. Así mesmo, esta rede que inicia hoxe a súa andaina achegará unha información chave para os modelos operacionais de predicción oceanográfica dos que dispón Meteogalicia, importantes para a planificación das operacións nos sectores anteriormente nomeados.

A posta en marcha desta rede realízase en colaboración co Grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo e está cofinanciada pola Unión Europea baixo o programa Interreg IIIB “Espazo Atlántico” dentro dos proxectos EROCIPS e EASY.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia