Skip to main content

Carlos Saura pecha a V Mostra Portuguesa en Galicia coa proxección de Fados

Carlos Saura presentou en Santiago de Compostela a súa última película, Fados, como peche da programación da quinta edición da Mostra Portuguesa en Galicia que organizou a Presidencia da Xunta de Galicia cos Ministerios de Cultura e de Asuntos Exteriores y Cooperación, o Instituto Camões e a Embaixada de Portugal. A entrada ao acto esixe invitación. A película, que foi estreada no Festival de Cinema de San Sebastián o pasado mes de setembro, proxectouse no Teatro Principal de Santiago. Antes do pase, o propio Carlos Saura, acompañado polo secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, presentou a película, na que leva á pantalla a súa particular visión dunha das manifestacións artísticas máis características de Portugal: o fado.

Fados abre un novo capítulo e traza novos retos para o director no seu intento de capturar a esquiva natureza da saudade portuguesa e de debuxar un fiel retrato da alma lusa a través do seu xénero musical máis emblemático. Con Lisboa como icona de fondo, a película explora a intrincada relación entre a música e a cidade, e a evolución do fado a través dos anos desde as súas orixes africanas e brasileiras ata a nova onda dos fadistas modernos.

A V edición da Mostra coincide coa presidencia portuguesa da Unión Europea e o ‘Año de Portugal en España’ e como as anteriores ten por obxectivo recoñecer e difundir os latexos artísticos e humanos de ambos países, así como promover o diálogo entre os dous pobos. A Mostra, que nesta quinta edición tivo como eixes centrais a música, o cine e a literatura, fixo posible que moitos galegos se fixeran unha idea viva e real da gran creatividade exhibida pola cultura portuguesa actual.

A Mostra Portuguesa naceu no ano 2003 en Madrid co obxectivo de recoñecer e difundir os latexos artísticos e humanos de ambos países, así como promover o diálogo entre os dous pobos. Este é o terceiro ano no que Galicia participa na Mostra.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia