Skip to main content

Pesca e Aeci promoven o asociacionismo entre mulleres do sector pesqueiro africano

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e a Agencia Española de Cooperación Internacional (AECI), organiza en Angola un seminario sobre o asociacionismo entre mulleres do sector pesqueiro en África. Con esta actividade preténdense acadar vías de cooperación entre os países que axuden a que as mulleres se involucren no eido marítimo-pesqueiro e acuícola dos estados participantes.

As xornadas prolongaranse ata o venres 23 de novembro e contan coa participación de representantes doutros cinco países africanos (Cabo Verde, Guinea Bissau, Guinea Ecuatorial, Sao Tomé e Príncipe e Mozambique). Ademais, acoden a este encontro un especialista da Universidade da Coruña, que pertence á Fundación Lonxanet; unha representante da Confraría de Pescadores de Barallobre, e tres técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar.

As actividades previstas no marco deste seminario xiran en torno a conferencias, talleres de formación e visitas de campo. Entre as cuestións que se están a abordar atópanse a situación actual do asociacionismo en cada un dos seis estados participantes, comparándoa coa rexistrada o ano pasado; o enfoque de xénero na cooperación ao desenvolvemento, e os modelos de agrupación no sector pesqueiro en Galicia e noutras rexións de España e do resto do mundo.

Os participantes tamén están a analizar a cooperación ao desenvolvemento pesqueiro e acuícola en África, así como diferentes políticas de promoción do asociacionismo e os mecanismos e ferramentas necesarios para a súa posta en funcionamento, xunto con algúns dos factores a ter en conta neste campo (sensibilización, formación, financiamento ou participación). Ademais, estanse a estudar técnicas participativas para a elaboración conxunta dun marco normativo de actuación e as posibilidades de cooperación futura entre os países participantes no seminario.

Acción exterior da Consellería

Estas xornadas que se celebran en Angola enmárcanse na acción exterior que desenvolve o departamento que dirixe Carmen Gallego cun total de 30 países a través de diferentes liñas de actuación: a cooperación ao desenvolvemento de terceiros países, os proxectos de intercambio de coñecemento con estados desenvolvidos nos que existen intereses pesqueiros, participación institucional nos foros internacionais da pesca, así como o apoio ás empresas pesqueiras galegas no seu posicionamento no exterior.

Estas actuacións, tal e como manifestou a Conselleira a finais do mes de outubro no Parlamento galego, están encamiñadas a consolidar a presenza do sector en terceiros países, ao tempo que se reforza unha colaboración institucional que redunde na realización de proxectos conxuntos de interese común e na sustentabilidade das economías costeiras. Nesa intervención, a titular de Pesca xa anunciou a celebración do seminario, á vez que adiantou que para o futuro inmediato se están a avaliar proxectos en Angola e Mozambique para afondar no desenvolvemento da pesca artesanal, a acuicultura e a formación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia