Skip to main content

Presentada a orde que xestionará as axudas de mínimis en Galicia

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, mantiveron unha xuntanza de traballo coas asociacións de armadores galegos, así como con representantes da Federación Galega de Confrarías, para tratar sobre o Real Decreto polo que se establece un réxime de axudas de “mínimis”, que publicará en breve o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e cuxo reparto xestionarán as comunidades autónomas. Así mesmo, e no marco deste Real Decreto, tamén se falou sobre a Orde que está a elaborar a Consellería de Pesca e que desenvolverá esta normativa de cara á distribución das axudas. A Galicia correspóndenlle repartir aproximadamente 13 millóns de euros.

Na xuntanza informóuselle ao sector das medidas que se están a barallar para axilizar as axudas, dentro do límite legal, para os litros consumidos entre o período que vai dende o 1 de novembro de 2004 ata o 31 de outubro de 2005. Segundo estas axudas, o litro de combustible consumido pagarase a 0,095 euros, sempre dentro do tope máximo permitido de 30.000 euros por empresa que establece a Unión Europea.

Ademais, durante o encontro púxose sobre a mesa que, segundo a Orde que está a preparar o departamento de Pesca, se contará coa colaboración das entidades asociativas do sector pesqueiro, de cara aos trámites necesarios para a solicitude das axudas. Estableceranse como oficinas colaboradoras para a entrega da documentación e verificación de datos, e contarán cunha base de datos compartida co MAPA.

Todos os participantes na xuntanza, quedaron emprazados a unha nova reunión a primeiros de decembro, unha vez se teñan as conclusións acadadas nas reunións previas do sector co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Medidas da Consellería de Pesca

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos leva a cabo dende o ano 2006 e dentro do proxecto “Peixe Verde”, o estudo de emprego de enerxías alternativas nos barcos da pesca. O departamento que dirixe Carmen Gallego financia cun millón de euros esta iniciativa coa que se pretende evitar que o incremento do prezo dos combustibles tradicionais, tal e como vén acontecendo nos últimos anos, perxudique economicamente ao sector pesqueiro galego.

Dentro deste proxecto, que está a coordinar o Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (CETPEC) e a empresa Repsol YPF, estase a analizar a viabilidade da transformación dos motores de gasolina a Gas Licuado de Petróleo (GLP) na frota de baixura. Dos primeiros resultados do estudo, presentados xa pola Conselleira de Pesca, despréndese que este cambio no motor supón un importante aforro económico dun mínimo do 30%, aínda que nalgúns casos chegou ata un 49%.

Así mesmo, a Consellería de Pesca está a realizar melloras nos sistemas de comercialización, co fin de que o sector pesqueiro poida vender a maior prezo os seus produtos. Unha destas melloras é a que se levou a cabo coa publicación do Decreto 101/2006, do 8 de xuño, de modificación do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco. Esta normativa non obriga á poxa á baixa como sistema de primeira venda, polo que permite a aplicación de calquera outro método que facilite aos produtores rendabilizar as súas capturas, repercutir os custos de explotación aos produtos, así como aportar novas estratexias para obter mellores prezos.

Amais disto, o departamento que dirixe Carmen Gallego está en permanente contacto co Goberno central para xestionar con eles as medidas que se están a estudar para paliar as últimas subidas no prezo do carburante, sempre dentro do marco legal comunitario.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia