Skip to main content

Inclúese Os Miñarzos de Lira na Rede Iberoamericana de Reservas Mariñas

O director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, xunto con técnicos das consellerías de Pesca e Medio Ambiente, participaron en Lira na xuntanza do Órgano de Xestión, Seguimento e Control da Reserva Mariña de Lira, despois da súa constitución o pasado 8 de xuño. O seu propósito é asegurar o cumprimento dos obxectivos establecidos no Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, a primeira que se pon en marcha en Galicia.

Entre os contidos da orde do día da xuntanza de hoxe estivo a proposta feita pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de integrar a área protexida de Lira na Rede Iberoamericana de Reservas Mariñas, unha proposta que acadou o acordo unánime dos membros do Órgano. Deste xeito, todos os asistentes á reunión acordaron iniciar os trámites de adhesión á Rede en breve.

Así, a Reserva Mariña de Lira poderá integrarse nesta Rede Iberoamericana e conseguir cooperar conxuntamente no desenvolvemento e fortalecemento dos espazos mariños protexidos no marco dun crecemento pesqueiro sustentable das poboacións locais. Ademais, a súa inclusión neste organismo servirá para intercambiar permanentemente información sobre os espazos protexidos co fin de mellorar a súa xestión; desenvolver proxectos comúns que promovan os vínculos entre as zonas que forman parte da rede; transferir a experiencia e coñecemento adquiridos en xestión, divulgación e ensino, así como mellorar na formación e no seguimento destes espazos mariños.

O desenvolvemento e mantemento da Rede Iberoamericana de Reservas Mariñas depende da Secretaría General de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e a parte adicada á coordinación forma parte das tarefas do Instituto Español de Oceanografía. Na actualidade está integrada por 40 espazos mariños protexidos distribuídos entre Costa Rica, Ecuador, México, Panamá, Perú, Venezuela e España.

Outros asuntos

Amais disto, na transcurso da xuntanza do Órgano de Xestión, Seguimento e Control da Reserva Mariña de Lira, abordáronse outras cuestións de interese como o plan de vixilancia para a zona, a futura sinalización e balizamento da Reserva ou o Plan de divulgación para o ano 2008.

No tocante ao plan de vixilancia ultimáronse os detalles deste dispositivo que se porá en marcha de xeito máis intenso a partires do 12 de decembro deste ano. De feito, a Reserva Mariña contará cunha embarcación aportada polo Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca que traballará na vixilancia e control do espazo protexido as vintecatro horas do día. Ademais, este operativo contará con reforzos en épocas estivais e en períodos de máis afluencia de turistas.

Por outra parte e con respecto ao futuro balizamento da Reserva, púxose sobre a mesa o trámite realizado con Puertos del Estado solicitando a autorización para a colocación das boias de sinalización, algo que se espera poder facer en breve.

O Órgano de Xestión, Seguimento e Control tamén acordou durante a reunión aprobar o Plan de divulgación proposto pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para o ano 2008 que contempla, entre outras actividades:
- A realización dun curso de verán sobre as áreas mariñas protexidas, organizado pola Universidade da Coruña e que se celebrará en Lira.
- A organización dun premio de fotografía submariña da Reserva Mariña.
- O deseño e montaxe do centro de interpretación.
- Un obradoiro de consumo de peixe, contando co apoio do sector hostaleiro da zona e con produtos de tempada.

Así mesmo, estase a traballar na adopción de medidas de xestión específicas para a zona protexida que afectan a especies de relevante interese comercial como é o caso da centola, pero tamén para outras especies, de cara ao vindeiro ano 2008. O obxectivo destas medidas é regular a pesca destes recursos dentro dos límites da Reserva.

Ademais, anunciouse que en breve estará publicada a Orde pola que se desenvolverá o Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro “Os Miñarzos”, e coa que se pretenden regular de xeito máis pormenorizado as condicións de pesca dentro dos límites da área protexida. Na elaboración deste documento estase a contar coa participación e as aportacións dos membros do Órgano de Xestión, Seguimento e Control.

Creación da Reserva Mariña “Os Miñarzos”

O Goberno galego aprobaba o pasado 12 de abril no Consello da Xunta o Decreto polo que se crea a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos”, unha iniciativa promovida pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Confraría de Pescadores de Lira. Coa creación deste espazo mariño protexido, que segue o camiño dos obxectivos que marca o Fondo Europeo da Pesca, búscase protexer e favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros, impulsar a pesca sostible e conservar a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade. Así mesmo, con este proxecto que xa é unha realidade, preténdese a divulgación dos valores pesqueiros e ambientais da costa galega e o apoio a estudos científicos sobre as medidas de protección dos recursos e xestión das pesquerías. Ademais, a creación desta área aportará novas oportunidades socioeconómicas no eido do turismo e do lecer que favorecerán a diversificación das actividades da comunidade pesqueira e a posta en valor dos profesionais do mar e da cultura mariñeira.

A Reserva Mariña de Lira contempla a delimitación dunha área de interese pesqueiro e de dúas de reserva integral. Dentro da primeira están permitidas, entre outras actividades: a pesca marítima profesional con artes e aparellos empregados tradicionalmente na rexión, para o que será preciso estar inscrito nun censo de buques autorizados; a recollida de ourizo, navalla, poliquetos, anémonas e percebe conforme ao Plan de Explotación anual aprobado; o marisqueo a pé e a recollida de algas segundo recolla o citado Plan, e a recolla de mostras de flora e fauna mariñas con finalidade científica.

Pola súa banda, nas zonas da reserva integral queda prohibida a práctica da pesca marítima, a extracción de fauna e flora e a realización de actividades subacuáticas, coa excepción das actividades destinadas á toma de mostras autorizadas con fins científicos ou de seguimento da Reserva.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia