Skip to main content

Pesca destaca o trascendental momento do sector mexilloeiro

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, mantivo en San Caetano un primeiro contacto co novo presidente da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), Francisco Dios, e coa nova xunta directiva desta entidade, despois da súa elección
o día 12 de novembro.

No transcurso da xuntanza os representantes de Opmega presentáronlle a Carmen Gallego o seu plan de traballo para os vindeiros anos e fixeron un repaso pola situación actual do sector bateeiro. Pola súa banda, a Conselleira trasladoulle á nova directiva toda a colaboración do departamento que dirixe para levar a cabo as accións que, dende o sector, se están plantexando para enfrontarse con éxito ao futuro. Así mesmo, animoulles a traballar na dirección da modernización e na busca do consenso entre todas as organizacións mexilloeiras.

Ademais, a titular de Pesca remarcou neste encontro que o sector bateeiro se atopa actualmente nun momento crucial para o seu crecemento, xa que conta cunha ferramenta da que antes non dispoñía: a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, acadada o 28 de decembro de 2006. Un instrumento que converte a este recurso no primeiro produto do mar da Unión Europea que consigue este distintivo de calidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia