Skip to main content

Embárcate facilitou a incorporación de 38 persoas ao sector pesqueiro galego

O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) acolleu un seminario no que se deron a coñecer os principais resultados do proxecto Embárcate, unha iniciativa na que participa a Consellería de Pesca e que, dende a súa posta en marcha no verán do ano 2005, permitiu a incorporación dun total de 38 persoas ao sector pesqueiro galego. Coa presentación realizada por técnicos do
Cetmar e por representantes doutros socios nesta actividade, ponse practicamente fin a unha acción posta en marcha para atenuar as dificultades que supón relevo xeracional nos barcos.

De feito, o programa tratou de facilitar o acceso como persoal de cuberta das embarcacións a colectivos con dificultades de inserción laboral ou en risco de exclusión. Por esta razón, o público ao que se dirixía o proxecto “Embárcate” está integrado por xente moza con baixa formación escolar en busca do seu primeiro emprego, inmigrantes con permiso de traballo, mulleres que quixeran ter unha oportunidade no sector pesqueiro, minorías
que arrastran discriminación social histórica e persoas desempregadas en xeral.

Esta acción, que se enmarca na Iniciativa Comunitaria EQUAL II, contou con formación práctica e cun módulo teórico integrado por cinco cursos: competencia mariñeira, formación básica, iniciación de redes e nós, competencia laboral e manipulador operador de produtos pesqueiros frescos.

Con estas actividades pretendíase ofertar aos participantes orientación laboral, formación técnica, prácticas, seguemento continuo ata a inserción no mercado de traballo e participación nunha bolsa de traballo sectorial.

Ademais, Embárcate proporciona ao ámbito pesqueiro estudos e análises, incluíndo os cambios precisos para contar cunha tripulación mixta, desenvolvemento de ferramentas e produtos formativos, así como a creación dunha bolsa de traballo.

As clases impartíronse en catro localidades galegas: Celeiro, onde se celebraron cursos en xullo de 2005 e outubro de 2006; Ribeira, que acolleu un curso en marzo deste ano; Portonovo, cun curso o exercicio pasado; e Marín, con cursos en marzo de 2006 e maio de 2007. Estas accións contaron cun total de 73 alumnos en canto ao módulo formativo e 15 no relativo á docencia práctica e o resultado das mesmas foi a incorporación de 35 homes e tres mulleres ao sector pesqueiro galego.

O proxecto Embárcate contou con financiación do Fondo Social Europeo e coa participación, ademais da Consellería de Pesca a través do Cetmar, do Porto de Celeiro, a Confraría de Portonovo, Cáritas da Diócese de Santiago, Cáritas da Diócese de Tui-Vigo e a Fundación Mujeres. Esta iniciativa estivo rexida polos eixos transversais de EQUAL, a igualdade de xénero e o medio ambiente, de xeito que se levou a cabo unha auditoría de xénero e o estudo das necesidades de adaptación da estrutura dun buque para acoller tripulación mixta, á vez que se contemplaron procedementos básicos de protección ambiental, prevención da contaminación e principios da pesca responsable.

As actividades básicas do proxecto foron a dinamización dunha rede de centros colaboradores, establecendo acordos con oficinas de orientación laboral e entidades vencelladas ao sector pesqueiro para xerar un proceso de derivación de posibles participantes; o asesoramento laboral; e a formación dos usuarios, tanto previa (cursos de natación ou de idiomas) como profesional (instrución para o traballo) e práctica.

Ademais, realizouse un seguimento da inserción laboral a través de titorías nas que se entrevistou aos alumnos embarcados e aos patróns dos buques correspondentes; dispuxéronse servizos de acompañamento como axudas ao transporte, para gardarías ou para o coidado de persoas dependentes; financiouse a adaptación dun barco para acoller tripulación mixta; fixéronse estudos comparativos con outros países; e desenvolvéronse ferramentas e produtos formativos.

Seminario

O Seminario de transferencia proxecto EQUAL Embárcate celebrado nas instalacións do Cetmar representa case a última das actuacións a desenvolver no marco desta iniciativa. De feito, entre as actuacións pendentes atópase a publicación dos manuais elaborados no marco do proxecto e dos estudos máis siginificativos para podelos distribuir entre aquelas persoas e/ou entidades que estean interesadas nos mesmos. Neste senso, cabe sinalar que é posible solicitar todo o material elaborado no
transcurso da iniciativa a través da páxina web www.embarcate.org.

O obxectivo do encontro que tivo lugar hoxe era difundir os principais resultados do proxecto para establecer mecanismos que melloren a formación e favorezan a inserción dentro do sector pesqueiro. É por isto que a presentación centrouse nos produtos de maior interese para os centros de formación marítimo-pesqueira e as entidades implicadas na xestión da mesma, co fin de transferir o material e as boas prácticas xeradas na actividade, fomentar o uso do material e propoñer mecanismos que permitan converter as experiencias piloto en práctica habitual.

Deste xeito, trala benvida do director do Centro Tecnolóxico do Mar, Alberto González-Garcés, pasouse á exposición de resultados por parte da directora de Embárcate e técnico de Formación do Cetmar, Lucía Fraga. Posteriormente, tivo lugar a presentación dos produtos transferibles como o “Manual de competencias sociolaborais para a pesca de baixura”, unha ferramenta estruturada en diferentes unidades didácticas que pretende
servir ao docente tanto para preparar previamente as clases como para facilitar información e materiais cos que traballar na aula.

Así mesmo, déronse a coñecer diversos materiais multimedia de formación marítimo-pesqueira. Unha destas ferramentas aborda o eido do idioma, tratando de que os alumnos estranxeiros sexan capaces de comunicarse cunha terceira persoa en galego ou español nun barco pesqueiro a través do dominio dun número limitado de palabras e regras verbais. Esta aplicación é de doado manexo e conta cun CD-ROM no que o usuario/personaxe ten que desprazarse por unha ampla variedade de escenarios e en situacións propias
do mar (o embarque, a saída aos caladoiros, a pesca, o regreso a porto ou a descarga das capturas, entre outras).

Outra destas ferramentas está orientada a que os alumnos sexan capaces de superar as probas para a obtención do título de competencia mariñeira, de xeito que o usuario/personaxe aborda cuestións relativas a tecnoloxía naval, nós, áncoras, navegación e seguridade. Por último, outro instrumento multimedia céntrase na prevención de riscos laborais, de modo que os participantes sexan capaces de respectar as normas de seguridade a bordo dun buque pesqueiro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia