Skip to main content

Reunión de Pesca co comité executivo da Feira Navalia

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, mantivo en San Caetano unha xuntanza de traballo co comité executivo de Navalia, a Feira Internacional da Industria Naval de Vigo.

Por parte de Navalia, estiveron presentes José Francisco González Viñas, presidente de Navalia e de Astilleros Hijos de J. Barreras; Javier D. Arnau, director da feira e José Enrique Pereira, vocal e conselleiro delegado do Grupo Pereira.

Os representantes de Navalia aproveitaron a xuntanza para presentarlle a Carmen Gallego os pormenores da segunda edición deste evento, que se celebra en Vigo no mes de maio, despois do éxito acadado hai dous anos. Pola súa parte, a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos trasladoulles todo o apoio do seu departamento para a nova edición deste encontro, dada a importancia do sector da construcción naval de Galicia en todo o mundo.

Navalia é unha feira de carácter internacional adicada á industria naval, que ten por obxectivo servir de ferramenta de promoción e negocio para este sector, así como para servir de escaparate do traballo que realizan a nivel mundial.

No ano 2006, na celebración da I Feira Internacional da Industria Naval participaron preto de 200 expositores de máis de 30 países. Ao longo dos tres días que durou o certame pasaron polas instalacións do recinto feiral de Cotogrande ao redor de 8.000 profesionais que tiveron a oportunidade de contemplar as novidades do sector despregadas ao longo dos 25.000 metros cadrados de instalacións.

Para o ano que vén, a feira conta con 27.500 metros cadrados de exposición, e agárdase a asistencia de máis de 15.000 profesionais de todo o mundo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia