Skip to main content

Primeira visita do Ministro de Cultura á Deputación Provincial de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo no seu despacho unha reunión privada co Ministro de Cultura, César Antonio Molina. Trátase de primeira visita que o titular da Administración Nacional realiza á nosa cidade e ó organismo provincial coincidindo coa clausura do I Encontro de Poesía organizado polo Concello de Lugo e por Radio Nacional de España. Gómez Besteiro agradeceu a disposición mostrada neste senso ó tempo que se referiu á data elexida da visita que “como non podía ser doutra maneira coincide co sétimo aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, monumento que nos identifica a todos os lugueses tanto a nivel nacional como europeo”.

O máximo mandatario provincial, que participou na clausura do I Encontro de Poesía, indicou que “este foi un gran día para as letras galegas. Que ben se sentirían os nosos escritores e os nosos poetas, por exemplo, Uxío Novoneyra, Luis Pimintel, Manuel María ou Ánxel Fole con este Encontro”.

O 29 de novembro do ano 2000 a Muralla obtiña a distinción da UNESCO. Posteriormente, no ano 2006, o Ministerio de Cultura entregoulle ó Concello de Lugo o Premio Patrimonio da Humanidade como recoñecemento ó traballo realizado a prol “do noso Monumento máis universal”.

Gómez Besteiro, que recoñeceu o esforzo realizado polos organizadores do simposio –Concello de Lugo e RNE-, explicou que “desde a Deputación queremos abrir esta Casa a todas as institucións, xa que só desta forma conseguiremos que a nosa provincia que é a máis avellentada de Galicia, ocupe o lugar que se merece”. O Presidente da Deputación animou ós organizadores “a que vaian pensando no II Encontro” ó tempo que lles brindou o Pazo de San Marcos para calquera tipo de celebración.

Reunión privada

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo unha reunión privada no seu despacho co Ministro de Cultura, César Antonio Molina. Como agasallo institucional, Gómez Besteiro fíxolle entrega dunha réplica do Organistrum, un instrumento musical do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela que foi reconstruída polo Centro de Artensanía e Deseño da Deputación de Lugo.

Gabinete de Prensa da Deputación Provincial de Lugo