Skip to main content

Pesca congratúlase dos resultados do Consello de Ministros de Pesca da UE

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, congratulouse polos resultados acadados no Consello de Ministros da Unión Europea onde se discutiron e acordaron os Topes Admisibles de Captura (TAC´s) e Cuotas de pesca para o ano 2008. Segundo Carmen Gallego, os acordos conseguidos para o ano vindeiro satisfan, en xeral, as expectativas e os obxectivos marcados polo Goberno galego, que xa lle foran trasladados ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), nunha reunión previa e preparatoria para o Consello de Ministros da UE coas comunidades autónomas.

Co acordo da pasada madrugada, elimináronse as reducións que pretendía a Comisión Europea para algunhas especies, polo que se manteñen as posibilidades de pesca de 2007. Noutros casos, como o da pescada do sur o incremento é destacable (15%) e, no que respecta á redución de días de actividade, unha cuestión importante para os gobernos galego e central e para o conxunto do sector pesqueiro, chegouse a unha solución de compromiso que vai poder garantir que a frota poida traballar os mesmos días que este ano.

Para a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tamén cabe subliñar os incrementos rexistrados noutras especies de grande interese comercial para a frota pesqueira galega, como a merluza do norte nun 2,5%, ou o mantemento doutras cuotas como a do rape e o galo.

Por último, o departamento que dirixe Carmen Gallego, destaca o importante traballo realizado pola delegación española presente no Consello de Ministros de Pesca, encabezada pola Ministra de Pesca, Elena Espinosa, e o Secretario General de Pesca Marítima, Juan Carlos Martín Fragueiro.

Reunión preparatoria

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos trasladoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a proposta galega, nunha xuntanza coas comunidades autónomas previa e preparatoria para o Consello de Ministros de Pesca da UE. As peticións galegas ían encamiñadas á negociación para o mantemento das posibilidades de pesca de 2007 para especies importantes para o sector galego como o rape, o galo ou a cigala.

Así mesmo, facíase eco da necesidade de incrementar o Total Admisible de Capturas (TAC´s) naquelas especies cuxos informes científicos son favorables, como é o caso da pescada do norte ou a do sur, tamén de interese para os pescadores galegos.

Na proposta galega insistíase, ademais, na necesidade de que a Comisión Europea derrogase a prohibición de empregar nasas de polbo e fanequeiras no sur de Galicia, dada a crenza errónea por parte da UE de que con estes aparellos se captura cigala, unha especie suxeita a un plan de recuperación xunto coa pescada do sur. Esta petición foi atendida e admitida polos embaixadores dos estados membros e refrendada polos ministros de Pesca presentes no Consello de Ministros de Pesca, polo que esta arte tradicional poderá ser empregada de novo para a captura do polbo e da faneca en augas galegas do sur.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia