Skip to main content

O libro sobre as vacas galegas e o seu rol social acada cinco premios Gourmand 2007

O libro sobre as vacas galegas e a súa dignificación sexual e gastronómica editado por Everest e promovido pola Consellaría de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Turismo ven de acadar cinco premios Gourmand 2007. A publicación consta de duascentas páxinas cun formato que o autor califica de “romance gastronómico social”. Segundo explica Flavio Morganti, o restaurador autor da publicación, “o obxectivo do libro é dignificar a figura da vaca como animal e ter en conta a súa entrega e polifacética utilidade na sociedade”.

Vacas de Flavio Morganti acadou, xa que logo, nesta edición o premio á Mellor Portada dun Libro de Cociña en España e ao Mellor Libro de Cociña en España. Tamén foi distinguido co galardón á Mellor Monografía Culinaria en Lingua Galega e Mellor Fotografía dun Libro de Cociña en Galego. Doutra parte, obtivo o recoñecemento á Mellor Portada dun Libro de Cociña en Galego

O libro de Vacas comparte distinción con outros galardoados polo xurado de Gourmand 2007, como Cocinar a Ciegas, da Escola de Hostelería de Leioa; El Jamón Ibérico en la Cocina del S. XXI; ou Los Aceites de Oliva en la Gastronomía del Siglo XXI, ambos da Academia Española de Gastronomía. Os premios Gourmand World Cookbooks Awards están considerados os máis relevantes en materia culinaria no que se refire a libros de cociña.

O libro de Vacas

A publicación da Consellaría de Innovación e Industria, da que se editaron 3.500 exemplares en castelán e 2.500 en galego, está editada por Everest Galicia e Everest España e conta con tres prólogos de Yvess Sinclair, Cristino Álvarez e Martín Berasategui. Manuel Rivas tamén fai unha aportación persoal neste libro que aborada a dignificación sexual deste animal dende a mitoloxía até os nosos días. A discriminación sexual e o paralelismo societario son outros dos asuntos que se analizan no libro. Noutra parte da obra dedicada á dignificación gastronómica da vaca inclúense 69 receitas e artigos coa vaca galega como protagonista.

As 31 razas vacunas existentes no Estado e as 5 galegas con censo, datas e definicións correctas son obxecto doutro dos apartados do libro. Entre outras novidades e orixinalidades, o libro inclúe un novo recetario con vacaterapias lúdicas e profesionais; a relación das vacas coa arte e fotografías de Xurxo Lobato. Segundo explica Morganti, entre os obxectivos desta publicación está o de “conseguir que a figura vacuna e a das persoas que se encargan do seu coidado apareza dignificada”.

Ao mesmo tempo, aproveitase a publicación para establecer unha diferencia gastronómica entre a dieta do Norte e do sur de España . Morganti destaca no libro a existencia da dieta atlántica e a importancia da carne de vaca como alimento consumido en toda Europa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia