Skip to main content

Aprobada a declaración como monumento natural da Serra de Pena Corneira, en Ourense

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se declara a serra de Pena Corneira, sita na provincia de Ourense, como Monumento Natural. O decreto, elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, ten en conta as características singulares deste espazo, especialmente as súas formacións graníticas, ademais da fauna e a flora, e establece as medidas de protección para a súa axeitada conservación. A declaración quedará definitivamente aprobada tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A serra de Pena Corneira, emprazada entre os concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión, na comarca ourensá do Ribeiro, constitúe unha prolongación da serra do Suído, cunha superficie aproximada de 998 hectáreas, entre as cuncas dos ríos Avia e Miño. A importancia da zona ven dada principalmente pola presencia de rochas graníticas hercínicas que forman un singular macizo rochoso cunha complexa asociación de formas xeolóxicas de gran importancia dende o punto de vista científico, cultural e paisaxístico.

Tamén son de destacar as formacións arbóreas presentes nesta zona, que inclúen bosques de diversas especies de carballo, castiñeiro e loureiro e elementos florais variados, xunto aos carballos, freixos, salgueiros e bidueiros presentes nos regatos e as matogueiras constituídas por breixeiras, toxeiras e xesteiras. En canto a fauna, está constituída principalmente por taxóns, e por diversas especies de anfibios, mamíferos e aves.

A declaración de monumento natural permitirá que a serra de Pena Corneira conte cunha figura específica de protección, a fin de preservar os seus valores naturais e os ecosistemas ou hábitats naturais da zona. Esto implica que no espazo do monumento natural soamente se admitirán os usos e actividades que no poñan en perigo a fauna, flora e ecosistemas existentes, permitindo a realización, de xeito ordeado, dos usos ou actividades tradicionais que non poñan en perigo os valores naturais.

Sete monumentos naturais

Galicia pasará a contar, tras a aprobación deste decreto, con sete espazos catalogados como monumentos naturais. A declaración de Pena Corneira súmase as xa existentes: A Carballa da Rocha e o Souto de Rozabales, na provincia de Ourense; a Costa do Dexo, na provincia de A Coruña; a Praia das Catedrais e o Souto da Retorta, en Lugo; e a Fraga de Catasós, en Pontevedra.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia