Skip to main content

A Deputación da Coruña destina 50.000 euros á Asociación Down Compostela

A Deputación da Coruña achega 50.000 euros para colaborar na terceira fase do financiamento do centro de servizos para a atención a persoas con síndrome de Down, que serve tamén como sede da asociación Down Compostela.

O acordo de cooperación foi suscrito polo presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda e polo seu homólogo da Asociación Down Compostela, Juan Martínez, na sede da entidade en Santiago.

Con esta cantidade complétase a colaboración da institución provincial, que nos ultimos tres anos achegou un total de 180.000 euros para financiar o proxecto, cuxo orzamento total superou os 1,2 millóns de euros.

O centro presta atención a persoas pertencentes a 90 familias de 28 concellos das provincias da Coruña e Pontevedra, segundo os datos ofrecidos hoxe polo presidente de Down Compostela, Juan Martínez, quen destacou que a Deputación da Coruña foi unha das primeiras administracións, despois do concello de Santiago, en comprometer a súa axuda para a nova sede da entidade.

Pola súa banda, Salvador Fernández Moreda, expresou a súa satisfacción respecto á colaboración da institución provincial neste proxecto e gabou o proxecto educativo e de inserción sociolaboral das persoas con discapacidade alí acollidas. “Trátase dun proxecto feito con moito esforzo e traballo por parte dos pais das persoas con síndrome de Down”, afirmou Fernández Moreda que tivo tamén palabras de eloxio para as actividades desenvolvidas no centro e animou aos seus responsables a continuar nesta liña.
Gabinete de Prensa da Deputación Provincial de A Coruña