Skip to main content

Pesca cede a embarcación Illas Lobeiras para vixiar a reserva mariña de Lira

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de ceder a embarcación Illas Lobeiras para destinala á vixilancia e control na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos de Lira, situada no concello coruñés de Carnota. Deste xeito dáse cumprimento a un dos compromisos adquiridos na reunión do Órgano de Xestión, Seguimento e Control celebrada hai agora un mes.

Naquela xuntanza, presidida polo director xeral de Recursos Mariños, acordouse que o Servizo de Gardacostas aportaría unha lancha para traballar na vixilancia e control do espazo protexido as vintecatro horas do día. Ademais, este operativo contará con reforzos en épocas estivais e nos períodos de máis afluencia de turistas.

Esta actuación dá continuidade ao proceso de creación da Reserva Os Miñarzos, impulsada pola Consellería de Pesca e a Confraría de Pescadores de Lira, que se iniciou coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o pasado mes maio, do Decreto 87/2007 polo que se creou esta área protexida, despois da súa aprobación polo Goberno galego. Posteriormente, no mes de xuño, constituíse o Órgano de Xestión, Seguimento e Control da reserva que celebrou a súa primeira xuntanza o 26 de novembro.

A Illas Lobeiras ten un motor de 150 cabalos de potencia (C.V.) e un arqueo de 1,99 TRBs, mentres que as súas dimensións son 5,30 metros de eslora, 2 metros de manga e 0,77 metros de puntal. Ademais, é moi significativo o seu nome xa que é igual ao dun pequeno arquipiélago situado en fronte da costa de Carnota a unha milla escasa da Reserva.

A Reserva Mariña Os Miñarzos

Coa creación da Reserva Mariña Os Miñarzos, a primeira de Galicia, búscase protexer e favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros, impulsar a pesca sostible e conservar a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade. Así mesmo, con este proxecto que xa é unha realidade, preténdese a divulgación dos valores pesqueiros e ambientais da costa galega e o apoio a estudos científicos sobre as medidas de protección dos recursos e xestión das pesquerías. Ademais, a creación desta área aportará novas oportunidades socioeconómicas no eido do turismo e do lecer que favorecerán a diversificación das actividades da comunidade pesqueira e a posta en valor dos profesionais do mar e da cultura mariñeira.

A Reserva Mariña de Lira, que segue o camiño dos obxectivos que marca o Fondo Europeo da Pesca, contempla a delimitación dunha área de interese pesqueiro e de dúas de reserva integral. A Consellería de Pesca estuda nestes intres a creación de dúas reservas máis en Galicia, unha en Cedeira e a outra en Celeiro, que foron propostas polas respectivas confrarías.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia