Skip to main content

Solidaridade Internacional de Galicia pide colaboración para varios proxectos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, reuniuse co presidente de Solidariedade Internacional de Galicia, Alberto Cerviño, a directora desta ONG, María Paz Guitiérrez, e a responsable da organización en Lugo, Maribel Valiela, para estudar varias propostas de cooperación internacional a través do Centro de Artesanía e Deseño e da Granxa Gayoso-Castro, dependentes do organismo provincial. A Vicepresidenta Segunda destacou “o importante labor social que desenvolve Solidaridade Interacional nos países menos desenvolvidos” e amosou a “boa disposición da Deputación para apoiar algún dos proxectos que están a realizar nestes momentos”.

Solidariedade Internacional de Galicia, que instalou unha mesa de comercio xusto na entrada do Pazo de San Marcos, solicita a colaboración da Deputación de Lugo en dous proxectos que se están a desenvolver en Bolivia. Un deles está destinado a mulleres que sufren problemas de maltrato ou pobreza, e pretende a súa integración social e laboral a través de cursos de orfebrería. “A nosa intención é que algunha destas mulleres reciba formación en novos deseños no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación para que, unha vez no seu país, aprendan ás súas compañeiras a elaboración de pezas de orfebrería axustándose ós gustos europeos. Agardamos que así sexa máis doada a venda aquí destes productos”, sinalou o presidente da ONG, Alberto Cerviño.

Outro dos proxectos que lle presentaron hoxe á Vicepresidenta Segunda é o que están a realizar con agricultores das localidades bolivianas de Surata e Quime. Neste caso, a cooperación consistiría no asesoramento técnico por parte da Granxa Gayoso-Castro que, o igual que o CENTRAD, depende do INLUDES, departamento que dirixe Lara Méndez.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo