Skip to main content

Traballo estuda un plan de formación municipal para a reincorporación laboral dos traballadores de Henkel

A Consellería de Traballo estudará un plan de formación dirixido á reincorporación laboral dos traballadores e traballadoras afectadas polo peche da factoría de Henkel Ibérica en Culleredo. Tras asistir a unha xuntanza de traballo organizada polo alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, a delegada da Consellería na Coruña, María Debén, informou de que a institución local está a ultimar un plan de formación para os traballadores afectados que será presentado a este departamento autonómico nos vindeiros días, para a súa valoración e posterior aprobación.

Na devandita reunión, á que asistiron representantes do comité de empresa (o presidente, Miguel Avión, e a secretaria, Carolina López) e de Forte-Pasarena, empresa promotora do novo proxecto, o Concello presentou á delegada de Traballo un borrador dun programa experimental para os traballadores de Henkel para dar cobertura a unhas 80 persoas. Segundo informou Debén, a empresa manifestou que todos os traballadores integrados no plan formativo poderán ter cabida no novo proxecto.

María Debén manifestou ao alcalde de Culleredo a satisfacción e agradecemento de Traballo polo impulso desta iniciativa, por ser capaz de chegar a un acordo de interese para todas as partes, así como para as administracións interesadas en acadar un posto de traballo para os cidadáns de Culleredo afectados.

A responsable de Traballo na Coruña salientou que a vontade da empresa é crear ata 2009 uns 1.000 empregos. Asegurou, polo tanto, que a Consellería está aberta a todas as posibilidades que se plantexen para acadar este obxectivo, “sempre e cando permitan ver nesta iniciativa un xacemento de emprego de calidade”. De feito, Debén fixo fincapé en que a previsión da empresa é que o 80% dos postos de traballo que se creen sexan ocupados por mulleres.

Así pois, a delegada trasladou aos representantes da empresa o compromiso do conselleiro de traballo de “ofrecer todo o esforzo que sexa necesario” que permita a recolocación dos traballadores e traballadoras de Henkel “en clave de estabilidade, calidade do emprego e en clave de igualdade”.

Neste sentido, María Debén reiterou que a Consellería de Traballo está “aberta a todas as posibilidades que se abran vinculadas a traballo de calidade, vinculadas a medidas de conciliación da vida familiar e laboral e que permitan ver que un número importante de mulleres poden atopar en Culleredo un posto de traballo”.

María Debén indicou que o borrador do plan de formación será formalizados por parte do Concello de Culleredo nos vindeiros días, e posteriormente será presentado oficialmente á Consellería para a súa valoración e aprobación. Destacou que os representantes dos traballadores e os responsables da empresa manifestaron a súa satisfacción pola favorable acollida por parte das administracións local e autonómica ao novo proxecto.

O plan de formación no que está a preparar o Concello inclúe tres áreas de traballo: proceso comercial, comercio multimedia e comunicación co cliente-linguaxe comercial.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia