Skip to main content

O presidente da Deputación destaca que as Autovías A-6 e Transcantábrica sitúan a Lugo nunha posición estratéxica

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou en Guitiriz na inauguración oficial da empresa Trasdega Noroeste S.L. Gómez Besteiro amosou a súa satisfacción por estar presente nun acto no que se pon de relevo “a necesidade de colaboración entre o sector público e a actividade empresarial”. Neste senso, o máximo mandatario provincial destacou que “con esta colaboración demóstrase que somos un país no que os sectores público e privado se implican na creación de emprego”.

O titular da Deputación subliñou que coas Autovías A-6 e Transcantábrica, e as futuras vías de alta capacidade Lugo-Santiago, Lugo-Ourense e A-76, ó seu paso por Monforte de Lemos, a provincia de Lugo experimentará un gran desenvolvemento industrial e económico. “A provincia de Lugo ten vocación en materia de transporte e de solo industrial. Grazas ó cruce de camiños entre a Autovía A-6 e Transcantábrica a provincia quedará nunha situación inmellorable”, indicou Gómez Besteiro.

O Presidente provincial, que estivo acompañado da Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e da Directora Xeral de Transportes da Xunta de Galicia, María do Mar Chao López e do Xerente-Propietario, Pablo Gómez Polín, subliñou o papel que deben xogar a Deputación e o resto das adminisracións para impulsar o desenvolvemento industrial da provincia. “A Deputación debe colaborar cos Concellos a través da coordinación coa Xunta subscribindo acordos que garantan o éxito empresarial, atendendo sobre todo ás demandas daqueles municipios máis pequenos que, por tanto, contan con maiores necesidades”.

A importancia da colaboración dos sectores público e privado tamén foi destacado pola Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín. A rexedora puxo como exemplo desta implicación o labor desenvolvido pola empresa “que contribúe a dar un maior pulo ó parque empresarial e que favorece o desenvolvemento económico do Concello”.

O Presidente da Deputación, a Alcaldesa de Guitiriz e a Directora Xeral de Transportes da Xunta de Galicia, logo de facer un percorrido polas instalacións do centro de transportes, asinaron no Libro de Honra da empresa.

Trasdega Noroeste S.L. iniciou a súa andaina no ano 2006, nunha oficina sen base operativa na Coruña. Buscou solo industrial nas proximidades dunha vía ben comunicada desde Carballo ata Guitiriz, donde finalmente se situou despois de mercar todo o solo disponible no Parque Empresarial.

Na actualidade conta cunha superficie que supera os 10.700 metros cadrados e 228 empregados dos que aproximadamente o 70% son españois e o 30% portugueses. Naceu ante a necesidade dunha empresa siderúrxica de distribuir produto manufacturado por España e Portugal aproveitando a viaxe de retorno para transportar mercancía xeral.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo