Skip to main content

César Antonio Molina, Premio Letras de Bretaña

O ministro de Cultura, César Antonio Molina, visita Ferrol o xoves, día 17 de xaneiro, co fin de recoller o Premio Letras de Bretaña. O galardón foille concedido o pasado ano, cando Molina aínda ocupaba o cargo de director do Instituto Cervantes, pero a súa posterior designación para poñerse ao frente da carteira de Cultura obligouno a pospor a recollida do premio.

Así as cousas, o vindeiro xoves, César Antonio Molina será recibido polo alcalde da cidade, Vicente Irisarri, no consistorio ferrolán, onde se desenvolverá o acto de entrega. Acto que dará comezo coa intervención do primeiro edil. Este cederálle a palabra ao presidente do Real Coro Toxos e Froles, Pedro Sanz, que, á súa vez, dará paso ao escritor e xornalista Ramón Loureiro, anterior gañador do premio. Trala entrega, o ministro dirixirá unhas palabras ao público congregado no salón de plenos. E, a continuación, o primeiro edil ferrolán acompañará ao titular de Cultura nunha visita polo centro da cidade.

O premio Letras de Bretaña foi creado para homenaxear a aquelas figuras do mundo da cultura preocupadas por destacar a importancia da Galicia do Norte e o seu espíritu cunqueriano. Unha placa de prata co mapa desta rexión simboliza esta distinción.

O galardón, que se entrega indistintamente nas localidades de Mondoñedo e Ferrol, vai xa pola cuarta edición. Precisamente, o pasado 23 de decembro dábase a coñecer o nome do gañador do último premio: a poetisa Luz Pozo Garza, quen recibirá o distintivo o vindeiro 28 de febrero na terra natal de Cunqueiro. Precederon ao ministro o poeta e membro da Real Academia Galega Darío Xoán Cabana, e o xornalista e escritor Ramón Loureiro.

O xurado decidiu entregarlle o galardón a César Antonio Molina pola súa traxectoria literaria e o seu coñecemento das obras de Alvaro Cunqueiro e Gonzalo Torrente Ballester. Asemade, o escritor e agora ministro é un grande estudioso da zona de Bretaña.

Este premio literario é condedido polo Real Coro Toxos e Froles e conta como patronos cos Concellos de Ferrol e Mondoñedo e o Obispado desta diócese.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ferrol