Skip to main content

Convocados os Primeiros Premios Artesanía de Galicia

A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, convoca a primeira edición dos premios Artesanía de Galicia, co obxectivo de estimular o labor de creación dos artesáns galegos e sensibilizar a sociedade sobre a importancia deste sector como motor tanto económico como cultural de Galiza. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria.

Artesanía de Galicia repartirá tres galardóns correspondentes ás categorías de Innovación, Novos Creadores e Premio Artesanía de Galicia.

O Premio Innovación está dirixido a produtos ou a accións de innovación e modernización do sector artesanal galego que poden ser novas interpretacións de deseños tradicionais, novos usos do produto, novos materiais ou novos métodos de traballo. Este premio está dotado con 6.000 euros.

A través da modalidade denominada Novos Creadores a Consellaría pretende recoñecer os novos valores do sector artesán en Galiza, así como fomentar esta actividade entre a xente nova. O premio está dirixido a artesáns ou a titulares de obradoiros artesáns que non superen os 35 anos de idade e a dotación económica será de 4.000 euros.

Por outra banda, o Premio Artesanía de Galicia, será o recoñecemento ao conxunto dunha obra que reúna calidade, deseño e mais a fusión do tradicional coas tendencias actuais. A obra gañadora, que obterá un premio de 10.000 euros, deberá transmitir tamén os valores característicos de Galiza e o grande potencial artístico e comercial do noso sector artesán.

Os galardóns están dirixidos a artesáns e a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, que poderán presentar as súas candidaturas durante os 60 días seguintes á publicación das bases no Diario Oficial de Galicia.

A través deste tipo de iniciativas, a Consellaría de Innovación e Industria reforza a súa aposta pola innovación e pola capacidade de adaptación da artesanía galega ás novas tendencias do mercado e do deseño, ao tempo que fomenta a preservación na calidade dos materiais e no carácter artesanal do proceso de elaboración.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia