Skip to main content

Reunión de Pesca con representantes da frota de arrastre de litoral

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o secretario general de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Juan Carlos Martín Fragueiro, reuníronse na Sala de Xuntas da Consellería de Pesca con representantes da frota galega de arrastre de litoral. O motivo da xuntanza foi principalmente dar conta dos días de actividade do ano 2008, dentro do Plan de Recuperación da Pescada e a Cigala, acordados no Consello de Ministros da Unión Europea celebrada en Bruxelas o pasado mes de decembro. Neste senso, o compromiso por parte da administración central e autonómica perante o sector que participou no encontro pasa por manter no ano 2008 o mesmo número de días de actividade que no 2007.

No transcurso da reunión, Juan Carlos Martín Fragueiro presentou a todas as asociacións de arrastre de Galicia o proxecto de orde de axudas que está a desenvolver o Ministerio de Pesca para a paralización temporal da frota de arrastre de litoral e de costa de Portugal, que conta cunha partida orzamentaria de 4,5 millóns de euros. Estas subvencións correspóndense cunha paralización voluntaria que este segmento de frota realizou entre xullo de 2007 e xaneiro de 2008. As axudas serán aboadas íntegramente pola Administración General del Estado.

Por outra parte, e ao longo desta mesma reunión, constatouse que, con respecto ás axudas para paliar a suba do prezo do combustible, practicamente todas as asociacións de arrastre de litoral van solicitar o anticipo das axudas de “mínimis” que ofreceu a Consellería de Pesca ao sector nunha xuntanza que mantiveron o pasado mes de decembro.

Así mesmo, acordouse manter unha reunión de carácter técnico con toda a frota de arrastre de litoral española para decidir o plan de pesca para o período 2008-2009. Este encontro de traballo terá lugar na primeira semana de febreiro.

Na xuntanza, na que tamén participaron o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez e o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, estiveron presentes a Asociación de Armadores de Marín, a Cooperativa de Armadores de Ribeira, a Asociación de Armadores de Arrastre de Muros, Porto de Celeiro, Pescagalicia, Asociación de Armadores de Vigo (Arvi), e a
Asociación Local de Buques Arrastreiros de Ribeira.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia