Skip to main content

O INLUDES promociona a Reserva da Biosfera Terras do Miño en Quiroga

O organismo autónomo, dependente da Deputación de Lugo, promociona a Reserva da Biosfera Terras do Miño en Quiroga. A exposición “A Reserva da Biosfera Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” permanece na Biblioteca Municipal de Quiroga desde o 15 de xaneiro, ata o 11 de febreiro. A mostra amosa a bioxeografía de Terras do Miño, a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia no ano 2002.

A exposición consta de debuxos e fotografías, así como doutro material audiovisual que amosa un resumo do labor realizado polo INLUDES en materia de educación ambiental, conservación e xestión do medio natural. A mostra inaugurouse no ano 2005 e desde entón estivo exposta ó público no Museo Provincial de Lugo, no Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Auditorio de Mondoñedo, no IES Fontem Alobaei da Fonsagrada, na Casa da Cultura de Vegado (Asturias), na Escola Abanera de Guitiriz e na Biblioteca Municipal de Ribas de Sil.

Unha vez rematada a estancia no municipio de Quiroga a exposición continuará o seu percorrido itinerante polos distintos concellos da provincia co obxectivo de achegar ós escolares e á poboación en xeral conceptos como os de “Reserva da Biosfera” ou “Rede Natura 2000”.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo