Skip to main content

De Gusto 2008 celébrase o 21 de xaneiro coincidindo con MadridFusión

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos patrocinará a iniciativa “De Gusto 2008”, unha actuación promovida pola Asociación Profesional do sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) coa que se persegue a posta en valor de produtos gastronómicos desta zona, especialmente peixes e mariscos, en Madrid. Así, esta xornada permitirá, ademais do establecemento de contactos comerciais, a degustación de especies características da zona por parte dos asistentes.

A colaboración entre a Consellería e os profesionais do sector turístico da Costa da Morte explicouna esta mañá en Santiago o presidente de APTCM, Manuel Pan, nunha rolda de prensa celebrada no Clube Internacional de Prensa.

“De Gusto 2008” celebrarase o 21 de xaneiro en Madrid, nas instalacións do Hotel Sofitel, e centrarase na presentación e degustación de especies procedentes da Costa da Morte cedidas por diversos produtores da zona. O obxectivo é a posta en valor destes produtos ante os medios de comunicación e tamén ante cociñeiros de recoñecido prestixio e xefes de compras de diversas cadenas hoteleiras que asistirán á cita.

Esta actividade que patrocina a Consellería de Pesca coincide coa celebración da feira do sector gastronómico “MadridFusión”, que se desenvolverá na capital de España do 21 ao 24 de xaneiro a escasos 200 metros do hotel que acollerá a xornada “De Gusto 2008”.

O apoio aos produtos do mar galegos é unha aposta da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e así se vén manifestando a través da participación en diversos eventos nacionais e internacionais. Bo exemplo disto é a presencia do departamento que dirixe Carmen Gallego en certames como Conxemar, celebrado o pasado mes de outubro en Vigo; a European Seafood Exposition que tivo lugar en abril de 2007 en Bruxelas; ou a celebrada en Rímini (Italia) en febreiro do ano pasado.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia