Skip to main content

Pesca publica a Orde que regula as axudas de mínimis para o sector pesqueiro en Galicia

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 11 de xaneiro de 2008 pola que se establece, na nosa Comunidade Autónoma, o procedemento para solicitar as axudas temporais ao sector pesqueiro de cara ao mantemento da competitividade nesta actividade, acollidas ao réxime de “mínimis”. Esta normativa supón o desenvolvemento do Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro, o que permitirá á Administración autonómica xestionar os fondos que lle sexan transferidos a Galicia por este concepto.

Segundo a normativa publicada no DOG poderán ser beneficiarios destas axudas os armadores de pesqueiros pertencentes á terceira e cuarta lista do Rexistro de Matrícula de Buques que reúnan diversas condicións, como ter o domicilio fiscal da empresa en Galicia ou estar en situación de alta no Censo de Flota Pesqueira Operativa da Secretaría General de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

Ademais, é preciso que os buques exerceran unha actividade pesqueira ou auxiliar durante un mínimo de 45 días entre o 1 de novembro de 2004 e o 31 de outubro de 2005. Non entanto, no caso de barcos de nova construción, que entraran en servizo con posterioridade ao 1 de novembro de 2004, os seus titulares subrogaranse nos dereitos pertencentes aos titulares dos buques substituídos, que produciran baixa no Censo da Frota Pesqueira Operativa.

Outro dos condicionantes para poder acollerse a estas axudas é, así mesmo, estar ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública galega.

Contía das axudas

A contía das axudas será a que resulte de aplicar o coeficiente de 0,095 euros sobre o volume en litros de subministros de gasóleo das facturas xuntadas polo beneficiario e correspondentes ao período comprendido entre o 1 de novembro de 2004 e o 31 de outubro de 2005. Inicialmente, calcúlase que a nosa Comunidade percibirá uns 13 millóns de euros que serán transferidos dende o Goberno central en virtude das solicitudes de axudas que se reciban.

Neste eido, cabe sinalar que a Consellería de Pesca chegou a un acordo coas entidades colaboradoras para que, a través de entidades financeiras, os solicitantes poidan recibir un anticipo das subvencións, correndo por conta do departamento autonómico os intereses que orixinen os devanditos adiantos. A importancia desta medida radica en que os beneficiarios non cobran as axudas de xeito inmediato cando se presentan as solicitudes posto que o cumprimento dos trámites administrativos require un certo tempo.

A contía por beneficiario non poderá superar os 30.000 euros brutos durante tres exercicios fiscais e restarase do importe da axuda de cada beneficiario a cantidade de “mínimis” percibidas durante o exercicio fiscal correspondente e durante os dous anos anteriores.

De terse producido cambios na titularidade da embarcación nos dous últimos anos fiscais, deducirase do importe da axuda que corresponda a cada beneficiario a percibida polos anteriores armadores nos dous últimos anos fiscais.

Así mesmo, cabe sinalar que os potenciais beneficiarios destas axudas están determinados en relación a un período subvencionable pechado e a un censo definido de empresas pesqueiras en tanto cumpran os requisitos previstos no Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro.

De cara a xestión e pagamento destas axudas, as asociacións do sector pesqueiro poderán actuar como entidades colaboradoras e para que esto sexa posible será preciso que a Consellería, o Ministerio e as devanditas entidades subscriban un convenio no que se recollerán as condicións e obrigas asumidas de todas as partes.

As solicitudes para percibir estas axudas para o mantemento da competitividade na actividade pesqueira irán dirixidas á Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, se ben poderán presentarse na sede das entidades colaboradoras, sendo o prazo de presentación dun mes a partires da entrada en vigor da Orde publicada no DOG.

As entidades colaboradoras serán as encargadas de comprobar e acreditar o cumprimento das condicións e requisitos determinantes da concesión da subvención e, unha vez realizada esa comprobación, remitirán á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca unha relación dos beneficiarios que cumpran os requisitos recollidos na devandita normativa. Á súa vez, o departamento autonómico fará chegar a relación de solicitudes ao Ministerio, quen comunicará a dotación orzamentaria correspondente ás axudas xestionadas por Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia