Skip to main content

Medio Ambiente investirá 7 millóns de euros no Centro de Interpretación de Parques Naturais

O Ministerio de Medio Ambiente asumirá o custo íntegro da construcción do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, que estará ubicado en Ourense, e que contará cun investimento de 7 millóns de euros. Este foi o compromiso adquirido pola ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, ante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, na xuntanza de traballo que ambos mantiveron en Madrid.

A financiación do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia realizarase mediante a sinatura dun convenio entre a administración central e autonómica, que se asinará nun prazo máximo de tres semanas, e que incluirá o desglose das partidas orzamentarias do Ministerio de Medio Ambiente para esta actuación nos tres próximos anos. A ministra e o conselleiro tamén acordaron que a licitación do proxecto se realice no primeiro semestre do presente ano, de xeito que o centro de interpretación estea rematado e en funcionamento en 2010.

O Concello de Ourense ten xa avanzados os trámites para realizar a expropiación dos terreos na zona de Outariz, na que se ubicará o que será o centro de referencia dos parques naturais de Galicia, tendo en conta que a provincia ourensá é a que conta co maior número de parques naturais de Galicia; 3 dos 6 existentes; aos que se sumarán outros dous parques

previstos na ampliación dos espazos naturais na que está a traballar a Consellería de Medio Ambiente, que serán os de Pena Trevinca e o Macizo Central.

Ourense tamén será a sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil-Limia, que permitirá que Galicia teña competencias en materia hidráulica nas concas do Miño e do Sil (esta última engloba parte do Bierzo). A este respecto, Cristina Narbona confirmoulle a Manuel Vázquez que o decreto para a creación da confederación galega será aprobado en consello de ministros na primeira quincena do mes de febreiro.

Illas Atlánticas

Outro dos acordos acadados na reunión entre a ministra e o conselleiro de Medio Ambiente foi a data de transferencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que pasará a ser de titularidade da Xunta o vindeiro 1 de marzo.

Ademais da transferencia do Parque Nacional, o Goberno central tamén traspasará á Consellería de Medio Ambiente a titularidade do edificio Cambón, en Vigo, que será a nova sede do parque das Illas Atlánticas, despois dun investimento de sete millóns de euros que tamén asumirá integramente o ministerio.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia