Skip to main content

Pesca e Carril estudan o deseño da ampliación da lonxa arousá

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, recibiu no seu despacho ao patrón maior da Confraría de Pescadores de Carril, Fernando Franco, e á secretaria do pósito, para tratar temas de interese para os profesionais desta localidade arousá.

Entre as cuestións que se abordaron no transcurso do encontro destaca a posibilidade de ampliar a infraestrutura actual da lonxa de Carril, xa que, segundo explicou o patrón maior, nos últimos anos estase a quedar pequena dado o incremento no volume de descargas que está a experimentar. Así o demostran os datos expostos hoxe e que están avalados polas cifras coas que conta a Consellería de Pesca na súa páxina web,
www.pescadegalicia.com. Delas despréndese que se incrementou en máis dun 100 por cento o volume de quilos vendidos nesta rula en 2007 con respecto ao ano 2005, o que supón un aumento en valor dun 50 por cento.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos transmitiulle ao patrón maior o seu compromiso de estudar a ampliación destas instalacións, pero para iso o propio sector deberá manifestarlle as demandas concretas que precisarán cubrir os profesionais do mar, prevendo as necesidades de infraestruturas futuras.

Nesta liña de colaboración, Carmen Gallego puxo a disposición da Confraría de Pescadores de Carril aos técnicos do seu departamento para que, tendo en conta as demandas dos mariñeiros, poidan deseñar conxuntamente a ampliación da lonxa.

Marca comercial para a ameixa de Carril

Durante a xuntanza que mantiveron a Conselleira e o patrón maior de Carril, tamén se abordou a posibilidade de crear unha marca comercial para a ameixa de Carril posto que, ao ser un recurso de cultivo, non pode ampararse baixo o distintivo de calidade “pescadeRías, de onde se non?”, que impulsa a Consellería de Pesca. Deste xeito, os parquistas poderían introducirse na venda de produtos e darlle un valor engadido a este molusco bivalvo tan recoñecido.

Neste sentido, Carmen Gallego animou ao pósito carrilexo a presentar esta idea nun proxecto ao amparo da Orde de axudas a proxectos colectivos de xestión integral que desenvolve o seu departamento.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia