Skip to main content

Exteriores analiza a participación das comunidades autónomas na Comisión Europea

A Secretaría Xeral de Relacións Exteriores organiza en Santiago o venres 29 de febreiro unha xornada informativa sobre a participación das Comunidades Autónomas nos Comités da Comisión Europea (Comitoloxía).

Este encontro, que se desenvolve entre as 11,45 e as 14,00 horas no Salón de Actos Pequeno de San Caetano, será inaugurado polo Secretario Xeral de Relacións Exteriores, Julio César Fernandez Mato, e contará coa participación de expertos dos ministerios de Administracións Públicas e de Agricultura, Pesca e Alimentación; así como coa intervención de representantes autonómicos de Galicia e Euskadi e do presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), José Álvarez Díaz.

Ao longo da xornada informarase aos funcionarios da Administración galega e a todos os interesados da participación autonómica nos órganos da Comisión europea, a súa representación e os procedementos da “comitoloxía”.

Galicia, maior representación

Galicia será a Comunidade Autónoma española que maior representación terá nos Comités da Comisión Europea ata o ano 2011. Dun total de 91 comités, a nosa comunidade participará en 41.

Dende o ano 1998, e en virtude dun acordo acadado coa Administración xeral do Estado, inclúese a participación dun representante das Comunidades Autónomas na Delegación española nos Comités da Comisión Europea. Estes representantes rexionais acompañan ao funcionario do Estado español e están encargados de facer presente a voz das autonomías naqueles temas do seu interese.

Logo das últimas negociacións levadas a cabo entre a Administración Xeral do Estado e as Administracións Autonómicas no seo da Conferencia de Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas (CARCE), acordouse unha nova distribución da representación autonómica durante os anos 2008-2011.

Neste período, Galicia representará a posición das autonomías españolas en 41 comités relativos a agricultura, pesca, Sociedade da Información, política rexional, educación, cultura, investigación, enerxía, transporte, empresas, medio ambiente, saúde, protección do consumidor, emprego e asuntos sociais.

Cuadriplica o ratio de participación dende 1998

Esta cifra supón case cuadriplicar a participación nestes órganos dende o ano 1998, cando estivo presente en 10 comités ata os 41 actuais. No período comprendido entre os anos 2003 e 2006, Galicia interviu nun total de 16 comités nas áreas de agricultura, medio ambiente, tecnoloxías, enerxía, educación, saúde e empresas.

Esto supón un incremento notable da participación galega nos órganos de decisión técnica das políticas comunitarias.

PROGRAMA

- 11.45h - Inauguración. Julio César Fernández Mato, Secretario Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia

- 12.00 h - 12.30 h- Participación das CC.AA. nos asuntos europeos: Acordos e
sistema de comitoloxía. Regulación xurídica dos comités da Comisión europea. Procedementos de comitoloxía

José María Pérez Medina. Vocal Asesor da Dirección General de Cooperación Autonómica. Ministerio de Administraciones Públicas

- 12.30 h - 14.00 h- Mesa redonda: Representación estatal e autonómica nos Comités.

-Moderador: Sr. D. José María Pérez Medina
- Interveñen:
- Elena Cores García. Representante estatal comité de Desenvolvemento Rural. Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
- Ana Mª Alzate Rodríguez. Comité de Aprendizaxe Permanente. Representante autonómica de Galicia
- Francisco Santiago Valcárcel Alonso. Comité Organismos modificados xeneticamente. Representante autonómico País Vasco
- José Álvarez Díaz. Presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA)
- Manuel José Morán García. Subdirector Xeral de Relacións coa UE. Xunta de Galicia

- 14.00h - Clausura
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia