Skip to main content

Caixa Galicia e Deputación de Lugo poñen en marcha o Plan Estratéxico Provincial

José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial de Lugo, e José Luis Méndez López, director xeral de Caixa Galicia, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha do Plan Estratéxico provincial.

Segundo o texto asinado, o Centro de Investigación Económica e Financeira da Fundación Caixa Galicia (CIEF), un dos organismos de maior prestixio do Estado, será o encargado de preparar esta ferramenta, “unha precisa radiografía da situación da provincia de Lugo, un diagnóstico que poña de manifesto razoadamente as súas fortalezas, debilidades, ameazas e oportunidades, así como os posibles tratamentos para mellorar e potenciar a saúde socioeconómica de todos os lucenses”.

O presidente da Deputación de Lugo destacou “que esta provincia precisaba dun plan estratéxico como este, serio e ambicioso, porque a Lugo non lle sobra tempo. Temos case catro anos para remontar o tempo perdido e hoxe, entre todos, cumprimos un dos compromisos adquiridos no meu discurso de investidura e que marcará un antes e un despois no desenvolvemento provincial”.

Gómez Besteiro fixo fincapé en que despois de saldar débedas históricas da Deputación, chegou o momento de construír: “Na primeira etapa deste equipo de goberno estivemos cicatrizando feridas que había abertas, tendendo pontes que non estaban feitas. Agora trátase de construír cousas pensando claramente no futuro e unha delas é isto: o Plan Estratéxico. Para nós é un obxectivo prioritario, por iso facémolo da man de quen sabe facelo porque non queremos perder tempo”.

O director xeral subliñou que “queremos contribuir a la elaboración del Plan Estratégico para abordar de forma conjunta con todos los agentes sociales un foro que permita reflexionar sobre las debilidades y fortalezas que se observan en la provincia. Con una meta: transformar a la provincia en un territorio mejor articulado y más eficiente que permita mejorar la calidad de vida de sus ciudadanos”.

A necesidade da realización dun Plan Estratéxico que analice a realidade actual da provincia -e que despois indique as medidas máis axeitadas para potenciar o seu desenvolvemento- xurdiu doutra iniciativa na que participan a Deputación e Caixa Galicia, o Foro Prolugo, no que tamén toman parte a Universidade de Santiago, o Concello, a Federación de Comercio, a Confederación de Empresarios, a Cámara de Comercio, a Fundación CEL e sindicatos.

Dende este foro constatouse a necesidade de promover a análise, a reflexión e o intercambio de experiencias, opinións e coñecementos sobre a situación da provincia, unha demanda que pretende solucionar este Plan Estratéxico.

O Plan Estratéxico de Lugo, que abranguerá o período 2008 – 2013, baséase no compromiso e cooperación pública e privada dos principais axentes económicos e sociais da provincia, e a participación e colaboración cidadá na construción dun futuro de progreso para os municipios lucenses.

Doutra banda, segundo a información achegada polas institucións promotoras, o orzamento para elaborar esta ferramenta cífrase en 240.000 euros durante os anos 2008 e 2009, a razón de, aproximadamente, 168.000 euros neste ano e 72.000 euros no seguinte.


Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo