Skip to main content

Galicia reforzou desde 2005 o persoal e os medios de Salvamento Marítimo

Deste xeito, xunto coas melloras orzamentarias para o Servizo de Gardacostas, tamén se están levando a cabo actuacións como o programa Aboia para mellorar as condicións de seguridade ou a sinatura dun Convenio de Colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento en materia de salvamento marítimo, prevención e loita contra a contaminación e seguridade da actividade pesqueira.

Ademais, o novo Executivo galego puxo en marcha o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña, un documento que marca as pautas de actuación que debe seguir o Goberno da nosa comunidade para facer fronte a situacións de loita contra a contaminación e determina os medios humanos e materiais que serían necesarios ante un accidente deste tipo para dar a resposta máis axeitada tendo en conta as particularidades das costas galegas.

Dada a relevancia da prevención, unha das primeiras accións do Executivo galego foi a sinatura dun protocolo de colaboración entre as consellerías de Pesca e Traballo para fixar as directrices para o desenvolvemento do Plan de Prevención de Riscos Laborais no sector pesqueiro galego. O devandito acordo, incluía a posta en marcha do Plan Vixía, unha iniciativa de formación e información que contempla unha serie de actuacións coas que se quere concienciar da enorme necesidade de incorporar a prevención de riscos no traballo marítimo-pesqueiro.

Dentro do Plan Vixía inclúese o proxecto Aboia, tamén posto en marcha por Pesca e Traballo, para a dotación de medios de salvamento e supervivencia aos profesionais do mar, entre os que se atopan chalecos salvavidas autoinflables.

Outra actuación conxunta que se está levando a cabo entre os dous departamentos autonómicos é o programa de visitas informativas sobre o cumprimento dos requisitos de seguridade e de prevención de riscos laborais por parte das embarcacións da frota de baixura. Esta actuación desenvolverase ata novembro de 2008 e está previsto visitar, polo menos, 1.000 embarcacións menores de 24 metros de eslora. Os pesqueiros son seleccionados mediante mostraxe aleatoria entre os inscritos no rexistro de buques de Galicia, de forma proporcional aos diferentes segmentos de flota e á súa distribución xeográfica.

Estas visitas permitirán dispor dun diagnóstico das embarcacións da frota artesanal; analizar a situación de cada unha delas en relación co cumprimento das normas de seguridade e de prevención de riscos; e realizar un informe de melloras ou modificacións a realizar en cada unha delas para cumprir a normativa.

Formación dos axentes de Gardacostas

Dende a Consellería de Pesca tamén se está a incidir na formación dos profesionais que integran o Servizo de Gardacostas de Galicia. De feito, axentes deste corpo téñense desprazado ata o Centro de Seguridad Marítima Integral Jovellanos de Xixón, onde completan a súa formación en prevención e loita contra a contaminación. Así mesmo, outros técnicos deste e doutros departamentos da Xunta de Galicia implicados no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña tamén participaron no ano 2007 nas iniciativas que ofrece a escola asturiana, mentres que no mes de xaneiro se celebraron en Laxe cursos de Operador Restrinxido do Sistema Mundial de Socorro dirixidos a titulado náutico-pesqueiros e impartidos por profesores do centro asturiano.

Ademais, tripulación dos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 e persoal de Gardacostas participaron o ano pasado en cursos de supervivencia aérea no mar para dotacións de voo en Rota (Cádiz), estando prevista a participación este ano en novas actuacións formativas.

Por outra banda, os dous helicópteros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos realizan continuamente voos inspección pesqueira así como de adestramento con outras unidades do Servizo de Gardacostas (embarcacións) ou doutras administracións. Cabe sinalar que, entre o 1 de agosto de 2005 e o 15 de novembro de 2007, o Pesca 1 e o Pesca 2 participaron en 360 exercizos de adestramento e 213 voos de vixilancia pesqueira.

Tamén hai que lembrar que a Consellería participou en abril do ano pasado no gran simulacro de loita contra a contaminación levado a cabo na Ría de Vigo, así como en outras actuacións deste tipo realizadas en diferentes puntos do litoral galego. Outra das actuacións do Servizo de Gardacostas foi a prestación de apoio á frota que participou na costeira do bonito en 2007, xa que os buques “Irmáns García Nodal” e “Sebastián de Ocampo” viaxaron xunto cos boniteiros ata os caladoiros contando entre a súa tripulación cun ATS, para prestar a atención médica de emerxencia necesaria.

Medios de salvamento

O Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca conta con 141 axentes, 70 vehículos, 25 embarcacións (incluídos os buques de apoio “Irmáns García Nodal”, “Sebastián de Ocampo” e “IP 700 Paio Gómez Chariño” e 2 helicópteros (Pesca 1 e Pesca 2). Cabe lembrar que, tal e como anunciou a Conselleira de Pesca no Parlamento a finais de 2007, Pesca reforzará o servizo de inspección pesqueira e salvamento coa creación de 10 novas prazas este ano que redundarán nunha mellora deste servizo. Ademais, Gardacostas conta cunha partida orzamentaria que supera os 20 millóns de euros este ano.

Os medios de Gardacostas vense reforzados de xeito importante polos medios e as melloras que supón a aplicación do Plan Nacional de Salvamento Marítimo 2006-2009 na nosa comunidade. Así, a día de hoxe Galicia conta, entre as últimas incorporacións de medios marítimos e aéreos, cun remolcador, o “Don Inda”, de 80 metros de eslora e cunha capacidade de recollida de hidrocarburos de 1.750 metros cúbicos, e cun avión Casa 235 de longo alcance e sistema de detección e seguimento de verteduras “Rosalía de Castro”, con base en Lavacolla.

Así mesmo, Galicia dispón de dous remolcadores máis, o “Ibaizabal I” e o “Ibaizabal III”, este último será substituído nos vindeiros meses polo “María Pita”. A nosa comunidade conta tamén con sete lanchas de salvamento, denominadas “Salvamar”, que se atopan distribuídas ao longo da costa galega; co helicóptero Helimer Galicia, con base no aeroporto de A Coruña, e cunha base estratéxica de loita contra a contaminación no Polígono da Grela (A Coruña) na que están integrados un grupo operativo de mergulladores.

A esta lista de medios que o Ministerio de Fomento ten desprazados na nosa comunidade autónoma teremos que engadirlle, nun futuro próximo, o novo buque de loita contra a contaminación e con 3.100 metros cúbicos de capacidade de recollida con base en A Coruña, adxudicado a finais do mes de xaneiro. Esta nova incorporación aos medios marítimos de Sasemar en Galicia permitirá reforzar a infraestrutura de recollida de hidrocarburos da que dispoñemos na actualidade.

Así mesmo, a comezos de febreiro, no marco da comisión de seguimento do Convenio de Colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Fomento, dende a Mariña Mercante anunciouse a adquisición de dous radares HF marca Codar, únicos en España, que xa foron instalados nos faros de Cabo Silleiro e Cabo Fisterra e cos que a prevención e a loita contra a contaminación poderá ser máis rápida e eficaz. Estes novos radares, que se empregan na costa norteamericana dende hai algúns anos, detectan os movementos na superficie da auga, controlan as correntes máis superficiais e, tamén, a altura das ondas. Con estes parámetros, que se engaden ao método matemático que se emprega habitualmente, coñecerase con maior exactitude a deriva das manchas no mar para loitar contra elas antes de que cheguen á costa.

Este Convenio de Colaboración, asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento en setembro de 2006, ten como obxectivo regular a cooperación en materia de salvamento marítimo, prevención e loita contra a contaminación e seguridade da actividade pesqueira.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia